A CRTVG inclúe Vox na súa cobertura das municipais a pesar de non ter edís en ningún concello galego

O partido de extrema dereita fora excluído catro anos atrás do plan de cobertura dos medios públicos galegos e, entón, presentou un recurso e a Xunta Electoral deulle a razón recoñecéndoo como “grupo político significativo” baseándose fundamentalmente nos resultados que obtivera nas anteriores eleccións estatais.
Imaxe de arquivo da sede da CRTVG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe de arquivo da sede da CRTVG. (Foto: Nós Diario)

O plan de cobertura da Corporación Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) para as próximas eleccións do 28 de maio (28-M) inclúe nos seus bloques informativos de actualidade electoral o partido de extrema dereita Vox a pesar de que a formación non logrou representación en ningunha corporación galega nos últimos comicios locais de 2019. O motivo é que é definido como "grupo político significativo".

Vox fora excluído catro anos atrás do plan de cobertura dos medios públicos galegos e, entón, presentou un recurso e a Xunta Electoral deulle a razón recoñecéndoo como “grupo político significativo” baseándose fundamentalmente nos resultados que obtivera nas anteriores eleccións estatais.

Neste caso, o propio documento de cobertura que propón a CRTVG, identifica como grupos políticos significativos partidos, federacións ou coalicións que presenten candidatura en municipios que comprendan "polo menos o 50% da poboación de dereito nas circunscricións incluídas no ámbito de difusión dos medios".

Así mesmo, arguméntase que se recoñece tamén esta condición a formacións políticas que concorran ás locais e cumpran o requisito anterior, e que, a pesar de non presentarse ás anteriores eleccións equivalentes ou non ter representación nelas, con posterioridade, en recentes procesos electorais e no ámbito de difusión do medio, obtivesen un número de votos igual ou superior a 5% dos votos válidos emitidos.

As posteriores eleccións ás locais de 2019, agrégase no plan de cobertura, son as estatais dese mesmo ano e as galegas de 2020. Aínda que tamén quedou fóra do hemiciclo galego, Vox si que ten representación no Congreso dos Deputados, algo que a Xunta Electoral considera suficiente. Nesta conxuntura, disporá de 20 segundos nos principais bloques electorais tanto da Televisión da Galiza como da Radio Galega.

Tempos

En concreto, a repartición de tempos nos bloques de información electoral da TVG que se poñen sobre a mesa son de 1 minuto e 43 segundos para o PP, 1 minuto e 42 segundos para o PSOE, 40 segundos para o BNG, 20 segundos para Vox e 15 segundos para outras formacións.

Na Radio Galega os tempos asignados para as distintas formacións nos 15 días de campaña serán de 2 minutos e 5 segundos para o PP, 2 minutos e 3 segundos para o PSOE, 48 segundos para o BNG, 20 segundos para Vox e 15 segundos para outras candidaturas.

Debates municipais

No bloque reservado a "outros", formacións que, a diferenza de Vox, si que teñen concelleiros nas principais corporacións, terán presenza noutros espazos. Por exemplo, nos debates de candidatos nas cidades que propón a CRTVG entre os días 15 e 24 de maio; ou nas entrevistas radiofónicas.

De feito, no caso dos debates das cidades, o plan de cobertura constata que a participación nos mesmos restrinxirase exclusivamente aos cabezas de lista de cada formación política con representación na Corporación municipal -o que sitúa fóra dos mesmos os candidatos da formación de Santiago Abascal-.

Os debates televisados dos candidatos de Vigo propóñense para o 15 de maio; para o 16, o da Coruña; 18, Ourense; Lugo, o 19 de maio; Santiago, o 22; Pontevedra, o 23; e Ferrol, o 24 de maio.

Comentarios