Fernando Mayo, candidato de Vox á Alcaldía de Santiago tras presentarse ás primarias do PP

Retirouse do proceso interno do que saíu gañador Borja Verea, que encabezará a lista popular.
Fernando Mayo retirou a súa candidatura nun proceso interno do que saíu elixido Borja Verea. (Foto: PP)
photo_camera Fernando Mayo retirou a súa candidatura nun proceso interno do que saíu elixido Borja Verea. (Foto: PP)

Vox ultima as súas candidaturas nas cidades galegas e a capital do país, Santiago de Compostela, xa ten aspirante para as próximas eleccións municipais do 28 de maio: o médico Fernando Mayo, quen rivalizara o pasado ano con Borja Verea por liderar o PP no último congreso local, aínda que acabou retirando a súa candidatura.

Fontes de Vox consultadas por Europa Press confirmaron que Mayo será o seu candidato. Casado e cunha filla, é natural de Negreira, pero reside desde os tres anos en Compostela.

A formación de extrema dereita preséntao como un "firme defensor da integración da saúde pública e privada" e destaca o seu currículo académico: é diplomado en Enfermaría, graduado e doutor en Medicina, técnico superior en Prevención de Riscos Laborais e especialista en Medicina do Traballo.

Comezou a súa actividade laboral exercendo como diplomado en Enfermaría con 21 anos, "compaxinando os estudos de Medicina". Posteriormente, exerceu como médico titular no Concepción Arenal, compatibilizando a medicina pública e a privada.

O médico acabou fundando Maype Salud, unha empresa que ofrece servizos de medicina de familia, medicina laboral e enfermaría do traballo.

Fernando Mayo enfrontarase nas urnas ao seu ex rival no PP, Borja Verea; o actual alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG); a portavoz municipal e concelleira do BNG, Goretti Sanmartín, e a candidata de Compostela Aberta, a edil e ex tenenta de alcalde María Rozas.

Comentarios