O persoal da CRTVG irá á folga o día das eleccións municipais

O Comité Intercentros da compañía pública de comunicación convoca novos paros os días 25 de abril e o 12 e 28 de maio.

Concentración de persoal da CRTVG esta terza feira ante o Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración de persoal da CRTVG esta terza feira ante o Parlamento galego (Foto: Nós Diario).

O Comité Intercentros da CRTVG acortou esta sexta feira convocar tres novas xornadas de folga: a segunda feira 25 de abril, a sexta feira 12 de maio e o domingo 28 de maio.

Desta maneira, os paros do 12 e do 28 de maio, coincidirán, respectivamente, co inicio da campaña e coas votacións ás eleccións municipais.

Baixo o lema “Non máis abusos”, traballadores e traballadoras da compañía pública darán continuidade aos paros convocados co mesmo fin os pasados días 6, 24 e 25 de marzo.

“Con esta loita queremos denunciar unha situación laboral marcada pola marxinación profesional, o trato degradante, a denegación de dereitos, as sancións e a represión sobre as persoas traballadoras críticas coa manipulación informativa e o desmantelamento da CRTVG”, afirman desde o Comité.

O cadro de persoal da CRTVG ten denunciado “traslados forzosos” como “medida de castigo”. “Son a manifestación máis recente desa situación xa insostíbel de abusos laborais á que temos que por fin”, denuncian.

“Temos que defender a dignidade das persoas traballadoras que reclaman a obxectividade, a imparcialidade, a veracidade e o pluralismo dos nosos medios públicos”, din.

Acción en Madrid

Como acción complementaria do paro do 25 de abril, o Comité Intercentros acordou tamén convocar unha acción en Madrid co obxectivo de “amplificar” a denuncia da “grave situación de manipulación informativa e represalias ás traballadoras polas que están a atravesar os medios galegos”.

 

Comentarios