xoves 28/10/21

A crise industrial centra o encontro entre Díaz e Feixoo

A ministra ratifica en Santiago a prórroga dos ERTE alén de 31 de decembro de 2021.
Yolanda Díaz e Núñez Feixoo reuníronse en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Yolanda Díaz e Núñez Feixoo reuníronse en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

A vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, afirmou esta sexta feira, 17 de setembro, após o encontro que mantivo co presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, que será "unha aliada" no Consello de Ministros para combater a crise industrial que afecta Galiza e ratificou a prórroga dos ERTE, que o mandatario galego urxiu  para os sectores máis danados pola pandemia.

Ambos compareceron tras un encontro no compostelán Pazo de Raxoi e Díaz iniciou o seu discurso cunha alegación: "Sei ben a quen represento. Son de aquí, nunca me fun". A continuación e tras incidir en que coñece de primeira man a situación de Navantia, Alcoa, Megasa e "outras moitas industrias vitais" para a Galiza, garantiu que será "aliada".

Esgrimiu que "sen industria" non pode haber empregos de calidade. En todo caso, matizou que as cuestións industriais non son da súa competencia directa, xa que é a Xunta que ostenta esa competencia.

Na súa quenda, Feixoo declarouse consciente diso, mais díxolle a Díaz que non só é ministra de Traballo senón tamén vicepresidenta segunda do Goberno. Nesas, instou o Goberno do Estado a adherirse ao Pacto de Estado por Ferrol que a Xunta formulou.

Díaz afirmou que o estudará co "agarimo que debe", aínda que tampouco entra no marco directo das súas competencias.

Coa suba do salario mínimo como transfondo, Feixoo incidiu  na importancia de pasar das palabras aos "feitos" e advertiu que incrementar o soldo mínimo non é "unha solución" se fechan as fábricas e "hai desempregados".

Os ERTE, alén de 2021

Díaz destacou o papel dos ERTE na Galiza durante a pandemia, xa que protexeron "máis de 200.000 persoas" que percibiron nóminas por un importe que supera, segundo datos do Ministerio, os 638 millóns de euros; e aproveitou para ratificar a prórroga.

Máis tarde, en declaracións aos medios,  afirmou que os ERTE irán máis alá do 31 de decembro deste ano e que incorporarán "cambios fortes". 

Logo de expor os proxectos Next Generation da Xunta, Feixoo e Díaz analizaron o prezo da luz e, especialmente, o seu impacto na industria. "Sen un prezo competitivo non hai industria e sen industria non hai traballo", advertiu Feixoo.

comentarios