Crise do PSOE: ningún dos bandos en conflito recoñece a lexitimidade do outro

A presidenta do Comité Federal do PSOE, Verónica Pérez, afirma enfática que “a única autoridade que existe no PSOE son eu”. Mais esa suposta autoridade non lle permite nin ser recibida en Ferraz polo secretario de Organización do partido. Os críticos non conseguiron que se reunise a Comisión de Garantías e Ética.

Screen Shot 2016-09-29 at 14.08.32
photo_camera Verónica Pérez.

Un partido dividido ao 50 por cento e con dous bandos que se negan reciprocamente a súa lexitimidade: nen o secretario xeral recoñece a autoridade da presidenta do Comité Federal nen ás avesas. De continuar o conflito nestes termos, non é desbotábel que os críticos recorran á vía xudicial.

O sector de Sánchez invoca os estatutos para afirmar que a demisión da metade máis un dos membros da Comisión Executiva Federal non implica a queda do secretario xeral, senón a convocatoria dun Comité Federal previo á dun congreso extraordinario.

Os críticos non queren ese congreso extraordinario antes de que se produza o desbloqueo político no Estado, desenlace que pasaría -segundo defende o seu chefe de filas, Felipe González- por unha abstención que viabilizase a investidura de Rajoy.

Neste momento, na sede de Ferraz está a decorrer unha reunión dos membros da Executiva federal que fican fieis a Sánchez, en tanto que a presidenta do Comité Federal, tamén presente na sede socialista, non ten tido suceso na súa pretensión de se reunir co secretario de Organización, César Luena. Quen a recibiu foi o xerente da formación política.

Os críticos tampouco conseguiron que se reunise a Comisión de Garantías e Ética do partido, un órgao que só pode ser convocado pola súa presidente, afín a Sánchez, embora a maioría dos seus membros (3 sobre 5) participen da rebelión contra o secretario xeral.

Comentarios