18-F | Debate

Reforma do Estatuto do 81 ou máis competencias? Estas son as propostas de PP, BNG e PSdeG

Catro décadas despois da aprobación do Estatuto galego de 1981 o debate sobre a conveniencia de superar o actual marco institucional segue aberto. Nestes máis de 40 anos, a norma non mudou. A reforma do Estatuto para dotar Galiza de maior autogoberno é unha demanda de vello que non culminou. Mais tampouco o traspaso de competencias comprometidas no Estatuto da Galiza. Materias como autoestradas, xestión do litoral, policía, tráfico ou prisións permanecen en mans do Estado. Cara a onde debe camiñar o proxecto autonómico?
De esquerda a dereita, Cristina Sanz (PP), Olalla Rodil (BNG) e Patricia Iglesias (PSdeG).
photo_camera De esquerda a dereita, Cristina Sanz (PP), Olalla Rodil (BNG) e Patricia Iglesias (PSdeG).

Cristina Sanz Arias, candidata número 4 do PP por Lugo; licenciada en Ciencias Económicas e parlamentaria

Cristina Sanz Arias

Diante desta pregunta, o que temos moi claro no PPdeG é que non imos aceptar que Galicia quede en inferioridade de condicións por tratos bilaterais ou asimétricos que poida levar adiante o Goberno de Pedro Sánchez con outras comunidades autónomas, polo simple feito de que lle garantan os votos necesarios para manterse como presidente. Así, rexeitamos comportamentos como o que está a levar adiante coa solicitude das competencias sobre o noso litoral: tendo unha redacción idéntica nos respectivos Estatutos de Autonomía sobre este ámbito, o Goberno de Sánchez accede á cesión desta competencia ao País Vasco, pero presenta un recurso ante o Tribunal Constitucional á Lei aprobada no Parlamento galego.

Partindo desta premisa, aspiramos a ampliar o noso teito competencial naquelas materias que sexan de especial interese para Galicia, como temos demostrado coa solicitude de transferencia da AP-9, a citada xestión do litoral ou o ingreso mínimo vital, tendo sempre en conta que o traspaso destas novas competencias debe vir acompañado da correspondente partida orzamentaria que permita tanto poñer ao día a materia traspasada como sufragar no futuro a súa prestación por parte da Administración galega.

Seguiremos demandando a revisión do sistema de financiamento

Pero tan importante como o incremento do grao de autogoberno de Galicia é o financiamento autonómico, un asunto que leva moito tempo enriba da mesa pero que ningún goberno se decide a darlle solución. Nós seguiremos demandando a revisión do actual sistema de financiamento autonómico, que achegue a Galicia máis recursos para a prestación dos servizos públicos e que atenda as peculiaridades da nosa terra, como o envellecemento ou a dispersión xeográfica da nosa poboación.

Esiximos que esta negociación financeira se leve a cabo coa presenza e participación de todas as comunidades e respectando sempre o carácter redistributivo que debe ter a Administración do Estado. Non pode ser, como ten feito o Goberno de Pedro Sánchez co aplauso do BNG e do PSdeG, que se conceda a Cataluña unha condonación unilateral de 16.000 millóns de euros da súa débeda (a cambio dos votos dos independentistas para manterse na Moncloa), o que supón 400 euros para cada galego.

Seguiremos impulsando, con lealdade institucional, as reformas que melloren o Estado das Autonomías, porque é bo para todos e tamén para defender mellor os intereses específicos de Galicia.


Olalla Rodil Fernández, cabeza da candidatura do BNG por Lugo; xornalista, licenciada en Publicidade e RRPP e parlamentaria

Olalla Rodil.

O papel político que lle foi recoñecido a Galiza no marco da Constitución de 1978 e do Estatuto de 1981 supón unha autonomía limitada e tutelada. Un modelo de descentralización, basicamente administrativa, que non nos recoñece como suxeito político e que non dotou a nosa nación da capacidade real de poder decidir sobre aspectos básicos da nosa economía, organización territorial, modelo social, cultural ou lingüístico. De feito, catro décadas despois da súa aprobación, é evidente que o actual marco xurídico e político autonómico non serviu para resolver os problemas estruturais do noso país nin serve agora para enfrontar novos e urxentes retos.

É por iso que desde o BNG defendemos o impulso dun novo marco político que emane do exercicio do dereito de autodeterminación do pobo galego baixo unha premisa básica: decidir nós por nós mesmas. Este debe ser un dos grandes debates da lexislatura que está a piques de comezar no Parlamento de Galiza, como xa o está a ser a nivel estatal.

O modelo autonómico non serve para resolver os problemas do país

Nese sentido, só o BNG garante que haxa un Goberno galego que defenda mudanzas que vaian no camiño do recoñecemento dos plenos dereitos políticos de Galiza e sexa a base dun novo marco político e xurídico que nos recoñeza como pobo e nos outorgue o dereito a decidir o noso futuro baixo a convicción de que só desde o exercicio da nosa soberanía poderemos rachar coa dependencia económica e política para construír unha sociedade diferente, libre, próspera, verdadeiramente democrática, igualitaria e xusta.

Sen renunciar ao obxectivo estratéxico da plena soberanía para Galiza, o BNG entende que no actual contexto político é preciso avanzar con propostas que vaian na dirección de estabelecer avances inmediatos.

O BNG xa levou ao Parlamento unha proposición non de lei para reclamar o traspaso de 35 novas competencias –en materia de ordenación de territorio e infraestruturas, emprego, ensino, sectores produtivos, enerxía, ámbito institucional, lingua, cultura e patrimonio– con dous obxectivos: dispoñer de máis medios para facerlle fronte á crise e impulsar o desenvolvemento económico.

Despois de 14 anos de inacción do PP nos que non se adquiriu nin unha soa competencia, Galiza está quedando atrás en poboación, en actividade industrial, emprego, servizos públicos. Debe desenvolver as competencias marcadas no actual Estatuto e que non foron concretadas,pendentes 40 anos despois. Ante a falta de resposta e de pulso do PP, no BNG queremos tomar a iniciativa.


Patricia Iglesias Rey, cabeza da candidatura do PSdeG pola Coruña (independente); letrada Maior do Consello de Contas da Galiza

Patricia Iglesias.

As persoas socialistas galegas entendemos que máis autogoberno significa máis benestar, porque unha mellor xestión dos recursos e das políticas redunda nun escenario de crecemento sostible que, sen dúbida, vai en beneficio directo dos e das cidadás. A demanda de máis autogoberno e competencias é unha evidencia social maioritaria na realidade galega. Dende o Goberno bipartito que presidía Emilio Pérez Touriño reclamáronse e conseguíronse novas competencias para Galicia. Dende entón, o Goberno de Feijóo e agora de Rueda non fixo absolutamente nada por desenvolver o autogoberno. A derradeira competencia que se logrou na comisión mixta de transferencia entre o Estado e a Xunta data do 2008, en materia de museos, arquivos, bolsas e axudas de estudo e inspección de traballo.

A defensa e ampliación do Estado do Benestar é o acento de identidade irrenunciable do PSdeG, por iso deixamos claro o noso compromiso coas políticas públicas, moi especialmente coa educación, a sanidade e os servizos sociais, instrumentos fundamentais de desenvolvemento e cohesión social. Porque o desenvolvemento económico sen cohesión social non é sostible nin desexable. Defendemos unha prosperidade inclusiva de Galicia que desenvolva un autogoberno e máis competencias.

Entendemos que máis autogoberno significa máis benestar

En canto á reforma do Estatuto de Autonomía, segue pendente. A maioría das CCAA en réxime común xa reformou os seus estatutos orixinarios. Pasaron a blindar outros de segunda xeración, ampliando dereitos para a cidadanía, reforzando o seu sistema de financiamento e promovendo reformas institucionais que consolidaron o autogoberno.

A reforma estatutaria pretendida polo PSdeG supón a adecuación do texto estatutario á cambiante realidade social e xurídica, favorece o contexto para abrir unha nova fase na construción do Estado das Autonomías, a redefinición do mesmo, ou simplemente a finalización dun modelo territorial –definido pero inacabado– na Constitución.

Os estatutos de Autonomía deben adecuarse como normas que son ás circunstancias e cambios políticos actuais, do mesmo xeito que o fai a Constitución e o resto de normas. A reforma do Estatuto é necesaria para mellorar a capacidade de autogoberno galego, que non só é lícita senón positiva para a vixencia efectiva do dereito á autonomía das nacionalidades e rexións recoñecido no artigo 2 da Constitución.

Comentarios