A industria recorta as súas vendas 18,3% na Galiza, o maior descenso no Estado e o triplo que a media

O país acumula seis meses de retroceso en facturación da industria.
Un grupo de mulleres traballa na cadea de montaxe dunha conserveira (Foto: David Cabezón / Xunta).
photo_camera Un grupo de mulleres traballa na cadea de montaxe dunha conserveira (Foto: David Cabezón / Xunta).

A cifra de negocios da industria baixou 18,3% en setembro na Galiza en relación co mesmo mes de 2022, descenso que é tres veces superior ao rexistrado pola media estatal, segundo os datos que publica esta terza feira o Instituto Nacional de Estatística (INE). De media do que vai de ano, as vendas na industria na Galiza acumulan un descenso de 2,6%, de acordo con estas cifras.

No conxunto estatal, baixou 5,7% o pasado mes de setembro en comparación co mesmo mes de 2022, moderando en cinco décimas a caída interanual rexistrada en agosto.

Co descenso interanual de setembro, a facturación da industria encadea xa seis meses de caídas interanuais, aínda que a de setembro foi menos pronunciada que a rexistrada no mes de agosto (-6,2%).

Xunto aos bens intermedios e os bens de consumo duradeiro, que lideraron os retrocesos da facturación industrial, tamén diminuíron as vendas da enerxía (-10,1%) e os bens de equipo (-0,3%), fronte ao aumento experimentado polos bens de consumo non duradeiro (+0,8%).

Os sectores onde máis aumentaron as vendas en comparación con setembro de 2022 foron a construción naval, ferroviaria, aeronáutica e espacial e de vehículos de combate (+57,8%); a fabricación de compoñentes electrónicos (+11,3%), e a industria do tabaco (+11,2%).

Por contra, os maiores recortes interanuais da facturación anotáronllos a fabricación de motocicletas, bicicletas, vehículos para discapacitados e outro material de transporte (-35%); a fabricación de aparellos domésticos (-24,7%) e a metalurxia (-20,4%).

Corrixido o efecto calendario e a estacionalidade, a cifra de negocios da industria diminuíu en setembro 2,3% respecto ao mesmo mes do ano anterior, taxa case catro puntos superior á de agosto.

A cifra de negocios da industria aumentou o pasado mes de setembro en cinco territorios en taxa interanual, mentres que diminuíu en 12 autonomías. Os únicos incrementos producíronse en Madrid (+4,7%), Nafarroa (+4,2%) e Euskadi (+4%), mentres que os descensos máis acusados rexistráronse na Galiza (-18,3%), Aragón (-17,3%) e Cantabria (-14,9%).

Comentarios