Conta atrás para a fusión de Concellos

Oza dos Ríos e Cesuras votarán o proxecto de fusión. O BNG anuncia que votará en contra pois “o que debera ser un proceso transparente, estase convertendo nunha comedia”.
photo_camera Alcaldes de Oza e Cesuras, facían público o proxecto de fusión co Presidente da Xunta

A voceira do BNG no Concello de Oza, transmitiu á veciñanza esta tarde a oposición da fronte ao proxecto de fusión presentado pola alcaldía do PP, de igual xeito que se abstiveron o pasado mes de xuño a respecto da publicación do informe presentado ao consideralo “pouco rigoroso”; o informe non contaba coa sinatura de ningunha persoa técnica, polo que @s nacionalistas o tildan de “panfletario”.

Oza dos Ríos e Cesuras constitúen as primeiras administracións locais que achegaron a posibilidade de se fusionaren seguindo a vontade do presidente da Xunta e do PPdeG que teiman na supresión e agrupamento municipal en aras dun maior aforro e mellor distribución dos servizos. Pola contra, a concelleira nacionalista, Estefanía Busto, denunciaba a crecente eliminación de servizos sociais nos núcleos do rural, promovida dende a Xunta.

A fronte nacionalista, criticou ao longo destes meses, que non se tivera desenvolvido unha consulta popular á fin de determinar se a veciñanza aprobaba ou non a fusión. Así mesmo, Busto criticou a inexistencia dun informe económico e financeiro que avalase o proxecto e o suposto aforro que promove o Partido Popular.

A fusión dos dous concellos coruñeses, constitúe un “proceso que vai en contra da comarcalización de servizos”, aseguran dende o BNG e do “equilibrio territorial”, pois a eliminación dos colexios e do Servizo de Axuda ao Fogar para concellos con menos de 20.000 habitantes “incrementa a súa dependencia dos núcleos urbanos”.

Un proxecto de fusión que data do verán

Os dous Concellos anunciaron no verán de 2011 a súa intención de fusionárense e desenvolveron ao longo deste ano os requirimentos administrativos para tal fin. Logo de facérense públicos cadanseus proxectos, cómprelles tan só a aprobación dos mesmos por 2/3 do Pleno.

Mentres que en Oza dos Ríos sería suficiente co voto a favor d@s edís populares; Cesuras precisaría dun voto favorábel da oposición -o pleno componse de 7 edís do PP, tres concelleiras do BNG e unha do PsdeG-PSOE. Non obstante, tanto a Deputación coma a Xunta podería impor a súa vontade de non conseguiren os 2/3 exixidos legalmente.

Dende o BNG consideran que a fusión de Concellos non soluciona os problemas económicos e demográficos do país, ao tempo que critican os recortes promovidos dende a Xunta de Galiza que entenden, aumentan o grao de dependencia das entidades municipais en detrimento da súa autonomía e solvencia. Pola contra, @s nacionalistas defenden a "a comarcalización e supresión das deputacións” cara unha maior eficiencia na xestión dos servizos e recursos municipais.

Comentarios