A consulta ás bases sobre Quinteiro tería carácter vinculante de acordo cos estatutos de En Marea

O resultado dunha eventual consulta sobre o affaire Quinteiro revestiría caracteres de acordo firme a aplicar "polos órgaos políticos de En Marea e polas/os cargos de representación institucional", reza o documento de Organización Interna (equivalente aos estatutos) aprobado pola confluencia no plenario realizado en xullo de 2017.

en marea
photo_camera Aspecto do último plenario de En Marea

Entalado entre o grupo parlamentar (nel está en minoría) e o Consello da Marea (onde si está en maioría), Luís Villares resolveu esta segunda feira superar a crise Quinteiro pola vía da convocatoria dunha consulta ás bases da confluencia.

As consultas internas ás persoas inscritas -o censo, segundo fontes da organización consultadas por Sermos, ascende a por volta de 2.400 persoas- están reguladas no epígrafe Soberanía cidadá. Sufraxio universal, dentro do documento de Organización Interna aprobado no plenario de xullo de 2017.

De acordo con estes textos, unha sorte de estatutos do partido instrumental, as "decisións de carácter estratéxico" -confección das listaxes eleitorais, proposta de marco programático, pactos de goberno ou de lexislatura- serán submetidas "á consulta do conxunto do censo de adscritos". Mas tamén o poderán ser "outro tipo de decisións" que así o aconsellen "pola súa trascendencia e impacto político, social ou económico". A este aspecto do documento apela Villares para avalar a súa proposta de referendo interno sobre a continuidade ou non de Paula Quinteiro como parlamentar de En Marea.

O órgao lexitimado para convocar unha consulta sería o plenario -máxima instancia decisoria da confluencia, equivalente a unha asemblea nacional ou a un congreso partidario-, mais tamén o Consello da Marea, o máximo órgao entre plenarios. No Consello o sector liderado por Villares -independentes, Cerna e a corrente crítica de Anova- dispón de maioría clara para promover o referendo.

Nunha entrevista concedida esta cuarta feira a La Voz de Galicia, Villares defende con firmeza a validez da consulta para resolver o confronto entre o grupo parlamentar -partidario da continuidade de Quinteiro- e o Consello da Marea -favorábel á súa renuncia.

A consulta só decaería no caso de Paula Quinteiro apresentar a súa renuncia. A segunda feira, Villares deulle de prazo esta semana para tomar unha decisión. Segundo as fontes consultadas por Sermos, neste momento hai "cero posibilidades" de que a parlamentar de Podemos-Anticapitalistas (respaldada polo partido morado, Esquerda Unida e a Anova oficial) vaia demitir.

Comentarios