Villares abre as portas a unha consulta para ser a militancia quen decida o futuro de Quinteiro

Defende que os estatutos da confluencia permiten consultar as persoas inscritas, una opción que non desbota “se non hai outra solución”. O portavoz de En Marea mantén que a deputada debería demitir, un paso que entende que tería que dar nesta mesma semana.

 

[Imaxe: En Marea] Luis Villares
photo_camera [Imaxe: En Marea] Luis Villares

Volveu falar Luis Villares esta segunda feira após case dúas semanas de silencio en pleno tremor interno de En Marea polo ‘caso Paula Quinteiro’. “Creo que andabades preguntando por min estes días”, ironizou coas e cos xornalistas ao inicio da comparecencia. Unha comparecencia en que afirmou que Quinteiro debería demitir. “Considero que a compañeira non debería continuar no exercicio das súas funcións”, dixo. “Paula Quinteiro debe asumir as súas responsabilidades”, insistiu, un paso que a parlamentar debería, ao entender de Villares, dar esta mesma semana.

Afectos e ética política

O futuro de Paula Quinteiro enfronta grupo parlamentar e consello das Mareas. O primeiro, por abrumadora maioría, partidario de que continúe como parlamentar. O segundo, pedindo a súa demisión. Para Villares, o grupo parlamentar “no seu conxunto non debería apandar colectivamente cunha responsabilidade que é individual”, da propia Quinteiro. Dixo entender a postura do grupo parlamentar, que enmarcou nos “afectos”, mais apelou á “ética política” de En Marea, que debe plasmarse tamén “na renuncia a calquera uso da nosa condición de parlamentares para un asunto privado”.

Defendeu o seu silencio durante estes días por "prudencia" e por "lealdade"

Por aí fiou Villares o seu argumentario sobre a deputada de Anticapitalistas, á que responsabilizou de facer “un uso indebido da propia posición que concede” o seu cargo político. O comportamento de Quinteiro é, dixo, “a posta en cuestión dos valores que defendemos”. E iso debe levar, agregou, “á asunción de responsabilidades”.

Unha responsabilidade, a de demitir, que Villares entende que debe asumir Paula Quinteiro por ela propia. Preguntado sobre o prazo para que dea ese paso, contestou: “Esta semana debe ser o momento”, pois o período “vacacional” foi abondo para reflexionar.

"Considero que a compañeira non debería continuar no exercicio das súas funcións"

Mais, se a parlamentar non deixa o escano, cal é o escenario? O portavoz lembrou que as actas son das e dos deputados mais a preguntas de se podería decidir a militancia lembrou que os estatutos de En Marea contemplan consultas telemáticas. “Se non hai outra solución”, formulou, esta podería sela: “A vía democrática, a da participación das persoas inscritas e todo o mundo estará de acordo en que a decisión [emanada da consulta] é inapelábel”.

Xestión da crise

“Unha boa xestión da crise sería que asumise responsabilidades esa persoa [por Paula Quinteiro]”, retrucou á pregunta sobre as críticas de certos sectores de En Marea á “mala xestión da crise” [Noriega pronunciouse neses termos este domingo]. Dixo non sentirse desautorizado (“Non, en absoluto”] e asegurou que “non contemplo a hipótese dunha ruptura do grupo parlamentar de En Marea”.

Comentarios