Feijóo elude defender a Cospedal e di que a xustiza será quen "determine a verdade"

O presidente da Xunta eludiu defender Dolores Cospedal despois de Luis Bárcenas denunciar o Partido Popular por despedimento improcedente.
Alberto Núñez Feijóo

Segundo a versión de Cospedal, o PP despediu Bárcenas en Abril de 2010. O ex tesoureiro négao e di que mantivo até hai nada a súa relación laboral co que chama "a súa empresa". Os dados da Seguranza Social non deixan marxe á dúbida: o PP continuou a pagar as cotizacións de Bárcenas até o 31 de Xaneiro deste ano. Interpelado directamente pola imprensa sobre esta cuestión, Feijóo evitou avalar a tese de Cospedal. "Será a xustiza quen determine a verdade", dixo.

Foi saír hoxe na imprensa madrileña que na Moncloa existía un crecente malestar e descontento coa xestión que Cospedal, secretaria xeral do PP, estaba a facer do caso Bárcenas, e eludir o presidente da Xunta, a preguntas dos xornalistas, defender a actuación da castelá-manchega. Na rolda de imprensa após o Consello da Xunta, perguntouse a Feijóo que pensaba de que o ex tesoureiro do PP continuase a cobrar do PP até o 31 de xaneiro e da xestión que da polémica Bárcenas estaba a facer Cospedal. E Feijóo respostou, mais eludindo en todo momento apoiar á secretaria xeral popular.

O presidente da Xunta afirmou que "no Consello da Xunta non falamos desas cousas", para asumir unha das liñas de defensa/ataque de Génova nesta cuestión: "Unha persoa que ten esas contas en Suiza non merece credibilidade". Mais Cospedal seguía sen aparecer na súa resposta, malia ser o obxecto central da pregunta.

Feijóo mesmo afirmou que "a xustiza determinará a verdade", unha frase para interpretar nun cruzamento de versións contrapostas: a do ex tesoureiro do PP e a da actual secretaria xeral dos populares españois.

Afirmou que "os que agora piden dique flotante, negárono antes cando estaban no poder".

Naval: Balóns fóra

O presidente da Xunta de Galiza tamén tivo que facer fronte a preguntas de por que o seu partido botaba unha cousa no parlamento galego (a favor de inxección económica para o dique flotante de Ferrol) e outra no español (onde non apoiou esta infraestrutura). Feijóo afirmou que "os que agora piden dique flotante, negárono antes cando estaban no poder".

A partir de aí, adicouse a incidir en que a Xunta "aposta pola carga de traballo" para os estaleiros, sendo menos importante se esta procede do dique flotante ou dos buques de Pemex.

Compostela: "Necesitamos unha explicación"

No que atinxe ao último escándalo relacionado co goberno local de Compostela (as facturas falsas do concelleiro de Obras), Feijóo comezou afirmando que "falsificar facturas é un delito". A continuación sinalou que eses feitos "precisan dunha explicación" tanto do edil como do goberno local; e que el estaría "moi atento a esas explicacións". Semella esquecer Feijóo que en Compostela goberna o partido, PP, do cal el é responsábel en Galiza.

E esa resposta ("merecemos unha explicación") xa foi dada por Feijóo hai varios días, a preguntas sobre as imputacións de cargos do PP do goberno local de Compostela.

Estafad@s polas preferentes, manipulados

Na mañá desta quinta feira, estafad@s polas preferentes obrigaban a suspender o pleno de Nigrán. Como xa fixeran cos doutros concellos do Baixo Miño. Veciñ@s deses municipios exixen dos seus representantes políticos, alcaldes do PP, que ou ben o seu partido dá unha solución xusta ao calote ou eles renuncien a seguir nesa formación.

É neste escenario no que Feijóo vén de dicir que as preferentes son responsabilidade do goberno de Zapatero e que desde a Xunta "estamos traballando para solucionar o problema".

Real Academia Galega

N o que atinxe á demisión de Méndez Ferrín como presidente da Real Academia Galega,o presidente da Xunta cualificou de "impecábel" a relación institucional co escritor ourensá e apuntou que o goberno galego valora nel "a aposta que fixo por poñer en valor a entidade e a língua". "Fixo un bon traballo", concluiu.

No Consello da Xunta desta quinta feira aprobouse a incidencia supramunicipal do Plan de Acuicultura, que entra así na súa última fase. Aliás,o Consello deu o visto bon a que nas subvencións e axudas autonómicas se primen os proxectos e ofertas presentadas por concellos conxuntamente ou ben concellos fusionados.

Comentarios