Crise dos pellets

Vilares, sobre os plásticos no mar: "O aparato dixestivo dos peixes non se come"

Os microplásticos, no caso de inxerilos accidentalmente, "entran por onde entran e saen por onde saen", subliña o conselleiro.
Alfonso Vilares, nunha visita á praza de Abastos da Pobra do Caramiñal a comezos de mes. (Foto: Xunta)
photo_camera Alfonso Vilares, nunha visita á praza de Abastos da Pobra do Caramiñal a comezos de mes. (Foto: Xunta)

O conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, quixo trasladar esta cuarta feira unha mensaxe de tranquilidade defendendo a calidade do peixe galego e chamou a seguilo consumindo por non comprometer a vertedura de pellets de plástico ao litoral galego a seguridade alimentaria. Fíxoo, porén, cunhas curiosas declaracións das que se fixeron eco as redes sociais.

Nunha visita á lonxa de Portonovo (Sanxenxo), Vilares salientou que, no caso de que un peixe inxira algún destes microplásticos, estes quedarán nas tripas: "Non sei se algún cidadán come os aparatos dixestivos dos peixes, eu non. Eu intento apartalo".

E no caso de que algunha persoa acabe inxerindo accidentalmente algún plástico -algo que xa acontecía antes da chegada dos pellets por mor da elevada contaminación do medio mariño-, "entran por onde entran e saen por onde saen".

"Hai que pór a situación en contexto, que creo que moitas veces estase perxudicando entre todos a xente do mar, á hora de que xa hai un consumo reducido de peixe nestes últimos anos", engadiu.

Vilares aproveitou tamén para cargar novamente contra o Goberno estatal: "A canto esperamos, estamos a esperar a que veña o material sen saber se ese colector xa está baleiro ou cheo, igual o colector ten sacos dentro", laiouse. "Iso quen o ten que saber e quen ten competencias para iso de seguridade marítima e de traballos no mar é o Estado", concluíu.

Comentarios