Non hai fronteiras no mar para o plástico

As micropartículas colonizaron os océanos, recompila un novo informe.
plasticos2_wwf
photo_camera Os microplásticos son aqueles que non chegan aos 5 milímetros de lonxitud. Os nanoplásticos non son apreciábeis polo ollo humano (Foto: Sam Hobson / WWF)

"No plancto máis pequeno e na balea máis grande". "Desde os polos até as costas das illas máis remotas". Non hai fronteiras para o plástico, que conseguiu infiltrarse en todas as partes dos océanos. Un tratado internacional para o seu control é imperioso. Así o recalca un último informe científico, presentado nesta terza feira polo Fondo Mundial para a Natureza (WWF).

Nalgúns lugares do Planeta, o colapso do ecosistema é inminente. Arredor de 88% das especies mariñas (90% das aves acuáticas e 52% das tartarugas, por exemplo) están afectadas pola grave contaminación deste material derivado do petróleo, que mesmo formou xigantes 'illas plásticas' no Atlántico e no Pacífico. 

Cada vez son máis comúns as imaxes destes animais atrapados ou afogando con produtos de plástico. Mais a incesante fabricación para materiais dun só uso, derivada do seu abaratamento, ameaza con danar toda a cadea trófica do sistema mariño. "Tamén enormes poboacións de peixes e os animais que deles dependen", apuntou Eirik Lindebjerg, o experto coordinador do informe da ONG ambientalista.

Un estudo de 2021 rexistraba que 386 de 555 especies de peixes analizadas inxeriran plásticos. Situación que empeorou nestes últimos dous anos de pandemia da Covid-19, co uso masivo de máscaras de protección respiratoria. Outro estudo do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo presentado esta semana sinala que os polímeros plásticos utilizados para confeccionalas afectan os sistemas reprodutivo, inmune e metabólico dos peixes a nivel xenético.  

Bacallau, mexillón, ostra

A investigación galega usaba o peixe cebra como referencia. Mais o plástico tamén está presente nas especies máis comúns para o consumo humano. Segundo o informe do WWF, elaborado en colaboración co instituto alemán Alfred Wegener, 30% das mostras de bacallau capturadas no Mar do Norte contiñan microplásticos no estómago. Ademais detectouse en moluscos como mexillóns e ostras e nunha quinta parte das sardiñas de lata analizadas.

Hai máis dunha década que a comunidade científica vén alertando do desafío ambiental que supón a contaminación con plástico dos océanos. Fauna e flora mariñas, hábitats e ecosistemas vense ameazados. Mais non só: as nanopartículas de plástico acaban por chegar aos seres humanos a través da inxestión de pescado ou por outras vías. 

Axiña chega á auga, o plástico inicia o seu proceso de descomposición. Co tempo vaise facendo máis e máis pequeno até se tornar en micropartículas. As que non chegan aos 5 milímetros de lonxitude son denominadas microplásticos. As máis pequenas, cun tamaño igual ou menor a 100 nanómetros (1/10.000 mm), chámanse nanoplásticos, tan diminutos que son imposíbeis de ver sen o uso de instrumentos ópticos especiais.

Contaminación a futuro

Isto supón que, aínda que desde de hoxe non fose deitado ao mar nin un só produto máis de plástico, a descomposición en marcha dos que xa están nas augas de mares e ríos fará que o volume de micropartículas plásticas sexa o dobre do actual para 2050. 

Porén, a fin da contaminación mariña con este material está a anos luz da realidade: o informe de WWF ─que recompila datos dun total de 2.590 estudos científicos─ prognostica que para o ecuador de século o nivel de contaminación por plásticos dos océanos será o triplo do actual. 

As esperanzas dun primeiro acordo para o control de plástico pasan por Nairobi

Para o WWF, as investigacións recompiladas no informe proban que hai lugares onde xa se alcanzou o límite de microplásticos que poden ser absorbidos. É o caso do Mar da China Oriental ou do Mar Mediterráneo, sinalan desde a ONG fundada en 1961. 

É por isto que apostan por medidas radicais, que van alén de pór a proba a resistencia dos ecosistemas mariños. "Cómpre tratármolo [o océano] como un sistema incapaz de absorber plásticos, polo que debemos ir cara ás cero emisións, cara á cero contaminación, o máis axiña posíbel", defendeu Lindebjerg.

Neste sentido, o principal obxectivo é alcanzar o primeiro acordo internacional sobre estándares de produción e de reciclabilidade dos plásticos no horizonte máis próximo: a reunión ambiental que a ONU acollerá na capital de Kenya, Nairobi, entre o 28 de febreiro e o 2 de marzo.

Comentarios