O Congreso do PSdG ratifica Besteiro como novo secretario xeral co 95% dos votos

Substituirá no cargo a Pachi Vázquez. Encetou o seu discurso anunciando "un tempo novo" e presentouse disposto a facer do seu partido "a única alternativa real de goberno fronte á dereita de Feijóo". Dixo que este domingo era día "de acabar cos complexos e pasar páxina".

photo_camera [Imaxe: PSdG]


O que foi líder do PSdG en Lugo desde maio de 2012, Xosé Ramón Gómez Besteiro, vén de ser ratificado como novo secretario xeral d@s socialistas galeg@s no Congreso nacional que a formación política realizou este domingo en Compostela, após a celebración dunhas primarias en que lle disputou a candidatura ao alcalde da Illa de Arousa, Manel Vázquez, vencendo nas votacións co 77% dos apoios.

Coa mesma porcentaxe de votos que en 2009 levou á secretaría xeral a Pachi Vázquez, será Besteiro quen desde este domingo ocupe o cargo sen que no 'currículo' do do Carballiño figure ningunha derrota interna, pois finalmente desbotou presentarse ás primarias.

Así as cousas, dos e das 607 compromisarias con dereito a voto, unicamente depositaron papeleta 549; delas, 520 foron parar á candidatura de Besteiro namentres outras 29 estaban en branco. Un prolongado aplauso do plenario confirmou a aceptación dos resultados.

"Volve o PSdG"

Besteiro encetou o seu discurso sinalando que estaba "emocionado". Diante do plenario, anunciou "un tempo novo" e que a recuperación do partido na Galiza "comezará polos concellos nas vindeiras municipais", previstas para o ano 2015. 

"Hoxe é día de acabar cos complexos, coa división e coas etiquetas, día de pasar páxina", sinalouo novo secretario xeral d@s socialistas na Galiza, mostrando perante o plenario a súa disposición a facer do PSdG "a única alternativa real de goberno fronte á dereita de Núñez Feijóo".

O debate interno en que o partido se viu inmerso no último ano é para Besteiro "a mostra de que estamos vivos, fronte aos que pensaban que estabamos rotos". Arremeteu contra o PP, acusando á formación conservadora de non ser quen "nin de condenar con contundencia a ditadura franquista" e argumentou que a realidade do PSdG "vai máis aló de cuestións orgánicas", identificando aquela "coa realidade da clase traballadora". Besteiro concluíu o seu discurso cun aplaudido "volve o PSdG".

"Voume co convencemento de que o din todo"

Na que foi a súa última intervención como secretario xeral, Pachi Vázquez reclamou á dirección federal do seu partido que tome "exemplo" das primarias galegas e que na Conferencia política de novembro se abra un debate para implantar esta fórmula no conxunto do Estado.

"Por primeira vez conseguimos que a militancia escolla o secretario xeral, constituíndo un liderado forte e renovado desde a base", enfatizou o que foi conselleiro de Medio ambiente. "Voume co convencemento de que o din todo", exclamou, para rematar chamando a "construír unha alternativa de goberno para parar un PP que está a destrozar o País".

Comentarios