Os concellos urxen a Xunta a evitar "duplicidades" en servizos

A Fegamp pide actualizar o fondo para municipios.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, reunirase co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e outros representantes da entidade. 
foto xoán crespo
photo_camera O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, reunirase co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e outros representantes da entidade. (Foto: Xoán Crsepo)

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, mantiveron un encontro para avanzar na análise e clarificación das competencias de ambas as administracións, unha cuestión que coinciden en axilizar xa que aínda non hai un consenso.

Neste sentido, desde a Fegamp incidiuse durante estes meses en que os concellos están a soportar o custo de prestar servizos que non lle corresponde. Neste sentido, un estudo encargado á USC concluía que os concellos galegos asumen anualmente un déficit total de 624 millóns de euros pola prestación de servizos que, ou ben son compartidos polos municipios e a Xunta, ou son competencia exclusiva, no seu caso, da Administración galega.

 Na xuntanza que decorreu na mañá de onte participaron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e os vicepresidentes da Fegamp Carlos Martínez e Secundino García. Na reunión, abordáronse as conclusións dos estudos da Xunta e da Fegamp e acordouse "axilizar e darlle un impulso ao traballo levado a cabo até agora neste ámbito", tal e como informou a Vicepresidencia Primeira nun comunicado.

A este respecto, fontes da Fegamp conviñeron a necesidade de resolver esta cuestión e puxeron o acento en que aínda non teñen información que "contraste ou corrixa" os datos que se recollen no mencionado informe da USC. Estas mesmas fontes urxen "avanzar e definir" os servizos sociais, en especial, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ademais de reclamar o aumento do fondo incondicionado que se transfire aos concellos e que leva "dez anos conxelado" en ao redor de 112 millóns de euros.

Pola súa parte, a Xunta sinala a "importancia de avanzar e dar pasos para chegar ao máximo acordo posíbel e na maioría dos ámbitos". Ademais, procura cuantificar canto custa a prestación de cada servizo e os recursos dispoñíbeis, para así evitar "duplicidades".

Comentarios