A Fegamp reclama máis fondos para SAF e a gratuidade das escolas infantís para os concellos: "Están afogados"

Os custos da atención á dependencia non deixan de subir, advirte, sen que Xunta e Estado incrementen os seus fondos.
Alberto Varela é presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alberto Varela é presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía. (Foto: Nós Diario)

Representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), co seu presidente, Alberto Varela, á cabeza, reuníronse este terza feira en Santiago con representantes da Consellería de Política Social para urxir "unha solución" á situación económica que viven os concellos, sobre todo os "máis pequenos", polo financiamento do Servizo de Axuda non Fogar (SAF) e a gratuidade de escolas infantís municipais.

Xunta e Estado están a destinar uns 112 millóns, e os concellos estamos a pór 200 millóns

"A realidade é que os concellos están afogados, as arcas municipais están afogadas e, sobre todo nos concellos máis pequenos, a situación é inasumíbel", dixo Alberto Varela en declaracións aos medios antes de entrar en reuniuna para tratar "a principal preocupación" que as entidades locais teñen encima da mesa.

Gasto en dependencia

Con respecto ao SAF, o presidente da Fegamp referiuse a un recente encontro con sindicatos e empresas no que "se expuxo claramente que, ou afrontamos o problema, ou o Servizo de Axuda non Fogar non ten futuro, polo menos na Galiza".

O prezo por hora deste servizo, dixo, "cada vez está a subir máis", cunha media de 19 euros por hora, pero alcanzando os 25. "E o financiamento que estamos a recibir os concellos da Xunta e do Estado, dos dous, que quede claro, son 12 euros por hora", dixo Varela. "Entre Xunta e Estado están a pór aproximadamente 112 millóns e os concellos estamos a pór 200 millóns para dependencia", engadiu.

Escolas infantís

Por outra banda, na reunión buscan analizar a gratuidade das escolas infantís da Galiza, en relación aos centros de titularidade municipal. En concreto, critican que a Xunta financie a gratuidade dos centros privados con "un máximo de 300 euros" e "o máximo que se lles da os concellos" para as súas prazas sexa "de 160 ou 170 euros", mentres que "o resto" sufrágano os consistorios.

Comentarios