XORNADA DE INVESTIDURAS

Os concellos saídos do 24M abren un novo taboleiro político galego

As Mareas gobernarán na Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol. O BNG cumprirá o seu quinto mandato consecutivo en Pontevedra. O PSOE continuará na alcaldía en Lugo e contará con maioría absoluta en Vigo. O PP só mantén o poder en Ourense entre as cidades do país.

Foto: PontevedraViva / Marea Atlántica
photo_camera Foto: PontevedraViva / Marea Atlántica


Os concellos galegos proclamaron este sábado ás alcaldesas e alcaldes saídos das urnas o 24 de maio. Non houbo sorpresas nas cidades, que certificaron a irrupción das candidaturas populares e a perda de poder do PP. Máis dun millón de galegos e galegas cambiaron hoxe o mando da súa corporación municipal. 

As Mareas gobernarán na Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol. O BNG cumprirá o quinto mandato consecutivo en Pontevedra, desta volta como primeira forza. O PSOE continuará na alcaldía en Lugo, grazas ao pacto con Lugo Novo e BNG, e contará con maioría absoluta en Vigo. O PP só mantén a alcaldía en Ourense, onde gobernará finalmente en minoría.

A CORUÑA

Xulio Ferreiro foi elixido novo alcalde da Coruña con 17 votos a favor. “Comeza un tempo novo na nosa cidade, hoxe irrompe unha nova maneira de gobernar,”, asegurou o líder da Marea Atlántico no seu primeiro discurso tras recibir o bastón de Carlos Negreira. 

Esta corporación saberá conformar as maiorías necesarias para garantir a todos as condicións básicas dunha vida digna”, manifestou Ferreiro, que fixou entre as prioridades do seu goberno a loita contra as desigualdades, a fin dos desafiuzamentos e a recuperación da dignidade no consistorio.

Os concelleiros e concelleiras da Marea Atlántica xuraron o cargo coa fórmula habitual “por imperativo legal” mais engadiron: “Tamén prometo poñer o concello ao servizo das coruñesas e dos coruñeses, cumprindo o programa e código ético da Marea Atlántica e os principios de transparencia e de participación cidadá”.

O salón de plenos encheuse para a investidura. No exterior, centos de persoas viviron na praza de María Pita o cambio de goberno ao berro de ‘Hai Marea’ e recibiron cunha ovación ao novo rexedor, que entregou de forma simbólica o bastón de mando ás persoas concentradas.

FERROL

A plataforma cidadá tamén gobernará en Ferrol. Jorge Suárez recibiu o bastón de mando grazas o apoio do PSOE e do BNG, cos que sumou os 13 votos necesarios para proclamarse alcalde da cidade. O PP, con 11 edís, votou polo seu candidato e alcalde saínte, José Manuel Rey. A concelleira de Ciudadanos votou por si mesma.

Suárez, con seis edís, chegara un acordo de goberno cos socialistas, con cinco representantes na corporación. A formación nacionalista, con dous concelleiros, apoiou a investidura de Suárez pero decidiu non formar parte do próximo executivo local.

O novo alcalde resaltou no seu discurso que aspira a “devolver a Ferrol a estima necesaria e as condicións materiais para acadar a xustiza social. Recibo este bastón de mando como un máis, para entregarllo novamente á cidadanía”. Suárez asegurou que “desde a participación cidadá, os e as 25 representantes que fomos escollidos nas urnas debemos tecer redes durante estes catro anos, para que a frustración e a resignación se convertan en activismo e implicación na vida pública”.

LUGO

Lara Méndez será a primeira alcaldesa de Lugo. A socialista recibiu o apoio de Lugo Novo e do BNG durante a investidura, sumando 13 votos. Pola súa banda, os nove edís do PP votaron pola súa formación, a mesma fórmula pola que optaron Ciudadanos e Alternativa Cidadá de Esquerdas. 

Méndez dixo que “a transparencia e a participación cidadá” serán as bases do seu goberno. O guión foi o esperado após a renuncia de Xosé López Orozco, condición imposta por Lugo Novo e BNG para dar o seu apoio á formación socialista. Porén, a nova alcaldesa dirixiu eloxios ao anterior rexedor no seu discurso de investidura.

Só un edil do PP prometeu o cargo. A fronte nacionalista resaltou na xura “o compromiso de defender os intereses do Concello e do pobo galego”. O salón de plenos ficou tamén pequeno perante a expectación espertada.

OURENSE

O PP mantén o goberno de Ourense, a única cidade galega onde os populares continúan no poder. O ex conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, resultou novo alcalde en minoría despois de que o PSOE, Democracia Ourensana e Ourense en Común votaran polos seus propios candidatos.

Vázquez asegurou que a chegada do AVE, a aprobación do PXOM e o impulso do termalismo serán os eixos do seu goberno. “Confío en arrancar un Ourense renovado”, dixo o rexedor popular. 

O líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, arremeteu contra os socialistas por non apoyar a súa candidatura para alcalde e advertiu de que presentará una moción de censura. Os tres edís de Ourense en Común participaron despois do acto de investidura nunha protesta fronte a casa consistorial contra o derrubo da vivenda en Reza. 

PONTEVEDRA

Miguel Anxo Fernández Lores asumiu o seu quinto mandato en Pontevedra, onde por primeira vez o BNG foi a forza máis votada. O alcalde tomou posesión grazas aos 12 concelleiros nacionalistas que acadou o 24 de maio. PP, PSOE e Ciudadanos decidiron absterse na votación. A incógnita da xornada era a posición da Marea, que optou por votar o seu candidato.

Lores asegurou sentirse orgulloso dos seus 16 anos de goberno. "Síntome coa ilusión do principiante e coa bagaxe da experiencia". Manifestou que a nova corporación pode representar “mellor” a pluralidade social e asegurou que confía en que "a delgada liña que existe entre a profundizacion da democracia e a deturpación das regras de xogo de maiorías e minorías non se traspase neste mandato que afronto como alcalde". O portavoz nacional da fronte, Xavier Vence, estivo presente no acto de investidura.

O alcalde do BNG anunciou xa o que será o seu equipo de goberno, sen grandes cambios co anterior mandato e onde destaca como novidade de Anabel Gulías como segunda tenente da Alcaldía. As concellerías controladas até agora polos socialistas tamén estarán xestionadas polo BNG. 

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Martiño Noriega proclamouse novo alcalde de Santiago de Compostela con 12 votos, co apoio do BNG, fronte aos nove do popular Agustín Hernández. Houbo catro votos en branco. Noriega afirmou que o seu compromiso “será gobernar para a maioría social agredida”.

Noriega xurou “lealdade ao xefe de Estado” sen facer mención específica ao monarca. Recordou no seu discurso -non escrito- ao rexedor republicano Ánxel Casal e ás dúas Marías, dúas irmáns compostelás, Coralia e Maruxa, represaliadas polo franquismo. 

Tamén fixo mención aos seus mentores políticos: Xosé Manuel Beiras, “o meu mestre”, Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo. No acto de investidura estiveron presentes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Moitas das persoas invitadas tiveron que seguilo nunha sala aparte do pleno.

VIGO

Abel Caballero afrontará o seu terceiro mandato en Vigo, o primeiro no que contará con maioría absoluta. Os socialistas acadaron o maior apoio nas urnas da súa historia na cidade con 17 edís. “Vigo falou alto e claro, os datos colocan a cada un no seu sitio. A nosa lista logrou o dobre sobre as dúas outras”, resaltou Caballero na investidura, que insistiu en que a Xunta debe ter outro trato para Vigo.

O PP, con sete concelleiros, defendeu a súa candidatura, igual que a Marea de Vigo, con tres edís. Rubén Pérez, líder da candidatura de unidade popular, xurou o cargo “sen renunciar aos seus ideais republicanos”. Cargou contra a lei electoral que deixou fóra ao BNG, a décimas do 5% para obter representación, porque conta “con absoluta lexitimidade para estar na corporación”, sinalou Pérez.

A Marea advertiu de que levará unha emenda a totalidade do modelo de cidade do PSOE. Durante o acto houbo momento de polémica polas alusións de Caballero á loita veciñal en Coia. Chamou aos opositores do Alfagame “farsantes” o que provocou berros de protestas desde a bancada do auditorio.

Comentarios