O Concello de Taboada rexeita o proxecto de Altri

A moción do grupo nacionalista saíu adiante cos votos do BNG e do PSdeG e coa abstención do PP.

Planta de celulose de Altri em Vila Velha de Rodão, Portugal (Foto: Altri).
photo_camera Planta de celulose de Altri em Vila Velha de Rodão, Portugal (Foto: Altri).

O pleno do Concello de Taboada (comarca de Chantada) aprobou unha moción do BNG na que expresa o seu rexeitamento -cos votos a favor do BNG e do PSdeG e a abstención do PP- ao proxecto anunciado por Altri para construír unha celulosa en Palas de Rei (A Ulloa), ao tempo que se compromete a asesorar a veciñanza na presentación de alegacións, así como a dirixirse á Xunta de Galicia para que faga o posíbel para que o proxecto non saia adiante "dadas as súas consecuencias negativas para as nosas comarcas".

O grupo municipal do BNG, como parte do Goberno local, ofreceu "o apoio institucional e político do Concello de Taboada a toda a nosa veciñanza que se considere prexudicada pola macropasteira que ten prevista construír Altri na comarca da Ulloa".

O tenente de alcalde e voceiro do BNG, José Portela, reiterou a intención da súa formación política de "apoiar a presentación de alegacións e as posíbeis convocatorias de mobilizacións en contra da instalación na veciña comarca da macrofactoría de Altri, tal como fixo público nun comunicado o pasado 26 de marzo".

O grupo municipal do BNG de Taboada reiterou no pleno convocado esta terza feira (a petición da formación nacionalista), o rexeitamento ao proxecto que, "segundo se confirmou coa exposición de pública, non será a anunciada fábrica de fibras téxtiles senón unha pasteira de celulosa que afectará aos recursos hídricos, ao medio natural, á actividade agrogandeira e a un ben patrimonial como o Camiño de Santiago". 

Asemade, o portavoz municipal do BNG acusou o Partido Popular de "mentir", así como de "querer converter a comarca da Ulloa nun lugar onde non se poida vivir a cambio duns supostos 250 postos de traballo".

"Igual que aconteceu hai 60 anos co encoro de Belesar, non podemos consentir que de novo unha iniciativa industrial saia adiante sen asegurar que repercuta positivamente no noso territorio", sostivo José Portela. 

Ademais, o nacionalista cuestionou tamén o carácter estratéxico do proxecto lembrando "que se trata dunha industria de enclave, unha pasteira de grandes dimensións que non vai fechar ningún ciclo na Galiza e que levará a pasta a outros países para transformala en fibra téxtil".

Un Concello máis contra a pasteira

Taboada uniuse así no rexeitamento a Altri a outros Concellos como Láncara, Rianxo, Sarria, Melide, Vila de Cruces ou Arzúa. A Deputación de Lugo tamén estabeleceu o seu 'non' á pasteira, e prevese que tamén o faga Agolada o próximo 11 de abril.

Comentarios