O BNG alerta do impacto de Altri na captación de auga do río Ulla

Afectaría dez concellos do Barbanza, Caldas e O Salnés
BNG Altri Pontecesures
photo_camera Representantes institucionais e orgánicos do BNG, onte, en Pontecesures (Foto: Nós Diario)

Representantes do BNG no Senado, no Parlamento galego e en concellos bañados pola ría de Arousa participaron esta segunda feira en Pontecesures (comarca de Caldas) nun acto para amosar a súa oposición á implantación da macrofactoría de Altri en Palas de Rei, que preocupa tamén nos municipios que se nutren da estación de tratamento de auga potábel (ETAP) do río Ulla, "tanto polos efectos que a celulosa tería na calidade das augas como polo risco de abastecemento que suporía".

Canda os deputados Luís Bará, Rosana Pérez, Montse Prado e Iria Carreira, participaron no acto a senadora Carme da Silva; a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, e o rexedor de Catoira, Xoán Xosé Castro;  xunto a representantes do BNG en Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Padrón, Valga, e Dodro; concellos, xunto a Boiro e Vilagarcía, que se abastecen da mencionada estación potabilizadora e que poderían verse “prexudicados gravemente” pola instalación da celulosa. A factoría, afirmaron, consumirá directamente desde o río Ulla 46.000 metros cúbicos ao día e contempla tamén que a celulosa verta de volta ao río 30.000 metros cúbicos ao día de augas industriais “que incidirán aínda máis na contaminación do río”, segundo subliñou a deputada Rosana Pérez. 

O BNG sostén que, de se levar a cabo, este proxecto suporá un empeoramento da calidade da auga do río tanto polas verteduras como polo risco de ‘eutrofización’ (presenza excesiva de nutrientes) ao baixar o caudal nos tres encoros superpostos (Portodemouros, Brandariz e Touro). “É evidente que todos estes efectos negativos serán trasladados augas abaixo causando un impacto no río Ulla moi severo”, apuntan. Por outra parte, a senadora Da Silva preguntará hoxe ao ministro de Industria, Jordi Hereu, na sesión de control ao Goberno do Estado se o Executivo vai “incluír ou non” Altri entre os proxectos que recibirán axudas dos fondos Next Generation. 

 As "dúbidas" de Besteiro

O secretario xeral electo e portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu esta segunda feira das "dúbidas" que xera o proxecto de Altri e instou a Xunta da Galiza a explicar os "cambios" sobre a iniciativa inicial. Reclamou despexar as "suspicacias, incertezas e dúbidas" da cidadanía e dixo que a Xunta é a "responsábel" de patrocinar un proxecto sobre o que no seu día lles dixo aos galegos "cousas que agora non se demostran". 

Rueda e Lourenzá

O presidente galego en funcións, Alfonso Rueda, dixo que espera que “non haxa cambio de postura” do Goberno español sobre Altri. Ademais, a a conselleira de Industria en funcións, María Jesús Lourenzá, insistiu en que "non vai saír [adiante] ningún proxecto que non teña unha declaración de impacto ambiental favorábel".A conselleira apelou á "tranquilidade" e ao "sentido común" e tamén a que "non se fagan afirmacións con superficialidade". "Desde o punto de vista industrial e para a comarca é un proxecto moi importante", recalcou, para lembrar, que esta iniciativa "posicionaría a Galiza industrialmente".

Organizacións do Camiño rexeitan a celulosa: "É unha estocada"

A entidade Camiño Francés Federación, composta por todas as organizacións xacobeas do trazado a Santiago, mostrou o seu rexeitamento ao proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei. Nun comunicado, alerta sobre un proxecto que cualifica de "insólito" e que cre que terá "graves consecuencias" na ruta xacobea, tanto dentro como fóra da Galiza. "É a estocada final ao itinerario máis importante e histórico, o Camiño de Santiago Francés. Tras sufrir durante os últimos anos atentados de todo tipo, como construcións de polígonos industriais, parques eólicos e fotovoltaicos, deixamento por parte das institucións e destrución do trazado por diversos motivos, asiste agora ao ataque máis daniño perpetrado pola propia Xunta ", argumenta.

Para o presidente da entidade, Miguel Pérez, a memoria de impacto do proxecto recoñece co-mo "importante" a afectación sobre o Camiño. Por iso, alerta sobre a "posíbel perda de valores culturais e a autenticidade da experiencia da peregrinación".

A federación pon de manifesto que a fábrica estaría "a menos de catro etapas" da capital galega e considera que se trata "dunha deliberada profanación a un ben patrimonial e cultural considerado no máis alto nivel legal de protección e cos máximos recoñecementos europeos e como Patrimonio Mundial".

Comentarios