Láncara e Rianxo súmanse á lista de concellos que rexeitan Altri, que leva de visita representantes de Antas, Monterroso e Palas

E estes municipios súmanse Sarria, Melide, Vila de Cruces e Arzúa. A Deputación de Lugo tamén estabeleceu o seu rexeitamento, e prévese que tamén o faga Agolada o próximo 11 de abril. O BNG exixirá ao Goberno estatal o seu rexeitamento á 'macrocelulosa'.

Delegación de políticos galegos nas instalacións lusas de Altri. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Delegación de políticos galegos nas instalacións lusas de Altri. (Foto: Greenfiber)

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, o seu homólogo en Monterroso, Eloy Pérez, e o tenente de alcalde de Antas de Ulla, José Manuel Quintá, visitaron as plantas de produción de celulosa de Altri en PortugalBiotek, en Vila Velha de Ródão, e Celbi, en Figueira da Foz— convidados pola propia empresa. Foron guiados por Bruno Dapena, director do proxecto que a compañía lusa quere desenvolver na Ulloa, e acompañados dunha delegación de xornalistas de La Voz de Galicia, El Progreso e Faro de Vigo

Mentres, concellos galegos continúan a mostrar o seu rexeitamento aos plans da compañía para a comarca da Ulloa. Nesta liña, o Concello de Láncara (comarca de Sarria) rexeitou esta sexta feira o proxecto de Altri de instalación dunha macrocelulosa en Palas de Rei. Súmase así a Sarria (comarca homónima), Melide (Terra de Melide), Vila de Cruces (O Deza) e Arzúa (comarca homónima). Tamén se atopa dentro desta lista Rianxo (O Barbanza), que aprobou unha moción neste sentido presentada polo BNG e apoiada por todos os grupos, incluído o PP.

A Deputación de Lugo tamén mostrou o seu rexeitamento ao proxecto de Altri. Ademais, o alcalde de Agolada (Deza), Luis Calvo, afirmou que o Goberno municipal tamén está en contra do proxecto e colgou unha pancarta no balcón da Casa Consistorial, polo que é esperábel que sexa aprobada a moción que presentará o BNG o vindeiro 11 de abril na sesión plenaria.

Postura do Goberno estatal

Na mesma liña, a senadora do BNG, Carme da Silva, reclamará na próxima sesión de control ao Goberno estatal na Cámara alta española que manifeste a súa oposición ao proxecto da multinacional portuguesa Altri en Palas de Rei e que quede excluído das axudas Perte de descarbonización industrial.

Da Silva quere que o Executivo estatal aclare se existe "algún tipo de compromiso" que "a macrocelulosa poida acceder" aos fondos Next Generation que, como recorda a senadora, demanda a propia empresa para poder levar a cabo o seu proxecto na Galiza.

"Os criterios estabelecidos para a percepción destas axudas deixan claro que só se poden financiar aqueles proxectos que contribúan a asentar economías máis sostíbeis e mellor preparadas para as transicións ecolóxicas e dixitais. O proxecto de Altri non o fai", afirmou Carme da Silva.

Comentarios