Compensar a produtividade e rebelarse contra os recortes

O concello de Pontevedra decide compensar a redución dos soldos @s empregad@s públic@s a través do recoñecemento da súa produtividade.

As ameazas do goberno español feitas públicas a través dunha nota informativa a pasada semana procuraban amedrentar as administracións locais e impedir que estas se rebelasen contra os recortes. Porén, non fixo minguar a insubmisión dos concellos gobernados polo BNG.

Esta segunda feira, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciaba que a administración que rexe mantería o poder adquisitivo d@s empregad@s públic@s e reintegraría  760.000 euros á economía local. Segundo o grupo nacionalista pontevedrés, o obxectivo é “permitir que o tecido empresarial da cidade non sufra esta minoración de ingresos” aprobada polo goberno español. A redución do poder adquisitivo das persoas traballadoras na función pública, implicaría importantes perdas para as pequenas empresas afincadas na cidade e autónom@s --verbo da contracción do consumo local--, e cuxa realidade económica se viu gravemente prexudicada pola suba do IVE, este mesmo mes. 

A fórmula legal escollida e acordada previamente cos representantes d@s traballador@s procura compensar o 85% da paga extraordinaria. Pola súa banda, @s empregad@s terán que traballar algún tempo a maiores. Aliás, o representante nacionalista na Deputación provincial, César Mosquera, vén de presentar unha  iniciativa para desenvolver a mesma fórmula nesta outra administración. 

A decisión adoptada polo goberno de Pontevedra enmárcase na medida aprobada polo BNG –após coñecerse o Real Decreto polo que se impuña a redución salarial d@s traballador@s públic@s-- e procura a insubmisión daquelas administracións locais onde a formación frontista teña competencias contra a política de recortes promovida polo goberno de Mariano Rajoy.

Comentarios