venres 10.07.2020

A comarca do Bierzo aposta por se constituír como provincia, con preferencia por facelo uníndose a Galiza

Segundo unha enquisa de Electomanía.

Vilafranca do Bierzo
Vilafranca do Bierzo

O debate aberto a raíz da demanda dunha parte da sociedade leonesa para se constituír en autonomía propia á marxe de Castela, volveu situar en primeiro plano a reivindicación do Bierzo, comarca cun forte sentimento de seu e que ten sido denominada popularmente durante décadas como ‘a quinta provincia galega’.

Un traballo realizado por Electomanía en base a 4.500 respostas, recompiladas entre 18 e 22 de maio, indica que 75% das habitantes do Bierzo desexan que esta comarca se constitúa como unha provincia propia.

A opción máis apoiada é que esa provincia pase a integrarse na Galiza (26,2%), por diante dos que optan por unha provincia do Bierzo dentro de Castela-León e o 23,7% que opta por un Bierzo nun León constituído en comunidade autónoma á marxe de Castela.

Esta enquisa súmase así aos traballos e sondaxes que nos últimos meses afondan na existencia no Bierzo dunha opinión favorábel en parte da sociedade a integrarse na Galiza.

Un recente traballo de Huaris, recollido por Infobierzo, recollía que á pregunta de que configuración territorial é a que prefiren as e os bercianos, 38% pronúncianse a favor de que esta comarca pase a se integrar na Galiza.

Son 16 puntos máis que a segunda opción máis votada, a dunha autonomía leonesa integrada por León, Zamora e Salamanca (22% dos votos). A escolla desa autonomía de León integrando tamén O Bierzo como provincia é a preferida por 21% das persoas enquisadas. O Non Sabe / non contesta é a opción riscada por 19%.

comentarios