CIS de febreiro para as eleccións estatais: o PP volve adiantar o PSOE por dúas décimas e o BNG sobe a 0,7%

Se mañá mesmo decorresen as eleccións, unha de cada catro persoas enquisadas (24,1%) xa adianta que votaría o PP, fronte a un 22,1% que ten decidido apoiar o PSOE.
Estimación de voto do CIS para as eleccións estatais sobre unha imaxe de Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Estimación de voto do CIS para as eleccións estatais sobre unha imaxe de Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Barómetro de Opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do mes de febreiro, o primeiro tras a votación final da Lei de amnistía, reflicte un empate técnico entre os dous grandes partidos, co PP na cabeza cun 33,2% fronte ao 33% do PSOE. Nun mes, os socialistas perderon un punto e viron disiparse a vantaxe de case dous puntos que tiñan en xaneiro, cando lograron o seu récord anotando un 34%. E ese punto é o que gaña o PP dun mes a outro. Pola súa parte, o BNG obtería hoxe 0,7% dos votos totais, unha décima máis que en xullo pasado, garantindo así a súa representación no Congreso.

A terceira praza é para Sumar, cun 10,2%, mentres que Vox segue caendo nas enquisas do CIS e agora rexistra un 7,9%. Podemos, pola súa parte, queda moi lonxe cunha estimación de voto de 2,9%. A enquisa baséase en 3.926 entrevistas telefónicas realizadas a cidadáns e cidadás de 1.193 municipios de todo o Estado español nos seis primeiros días de febreiro, tras a votación da amnistía, que non resultou aprobada ao descolgarse Junts na votación que requiría maioría absoluta.

Se mañá mesmo decorresen as eleccións, unha de cada catro persoas enquisadas (24,1%) xa adianta que votaría o PP, fronte a un 22,1% que ten decidido apoiar o PSOE. Ante esa pregunta directa hai un 14,4% que non sabe que votaría, un 4,7% que prefire non contestar e un 7,9% que se abstería. A quen non se pronuncian pregúntaselles que partido lles resulta máis simpático, e aí o PSOE sae favorecido e logra empatar co PP na suma de 'voto máis simpatía'.

 

Con esas preguntas e o resto da enquisa, e aplicando a fórmula dos sociólogos José Félix Tezanos (presidente do CIS) e Antonio Alaminos, o estudo conclúe que hai un empate técnico entre os dous grandes partidos, esta vez lixeiramente desnivelado a favor do PP. En concreto, aos de Alberto Núñez Feixoo atribúeselles unha estimación de voto de 33,2%, o que supón uns 1,1 puntos máis que en xaneiro e por riba do 33% co que o PP gañou as eleccións do 23 de xullo. Pola súa parte, o PSOE sitúase no 33%, un punto por baixo do seu récord de xaneiro (34%), pero por riba do 31,7% que cultivou o pasado 23 de xullo.

Se hai un mes os socialistas sacaban case dous puntos de vantaxe, agora a distancia entre ambos fica en só dúas décimas a favor do PP. Nas últimas estatais os populares gañaron con 1,3 puntos a respecto dos socialistas. En canto a Sumar, o CIS outórgalle unha suba de medio punto, até o 10,2%, por riba do 9,7% da primeira enquisa tras a ruptura con Podemos en decembro e dous puntos menos que o que a coalición logrou unida nos comicios anteriores. Podemos, por segundo mes en solitario, pasa do 2,7 ao 2,9%.

E, pola contra, Vox continua a súa liña descendente no CIS, agora cun 7,9% en febreiro, catro décimas por baixo do dato de xaneiro e catro puntos menos que nas eleccións de 2023, cando logrou a terceira praza. Así as cousas, o bloque da esquerda segue por diante, cun 43,2% dos dous partidos do Goberno de coalición fronte ao 41,1% de PP e Vox.

Botando a vista cara a Catalunya, ERC marca o seu mellor rexistro do último ano cun 2,1%, sete décimas por riba do dato de xaneiro, mentres que Junts cae cinco décimas e queda nun 1%. Pola súa parte, o PNV tamén dá a volta ás últimas enquisas e agora aparece por diante de Bildu cun 1%, fronte ao 0,8 da formación da esquerda abertzale.

A táboa de valoración de líderes preséntase moi axustada, con tres líderes en apenas unha décima. Na cabeza aparece Yolanda Díaz, de Sumar, cunha nota de 4,27 puntos, seguida do socialista Pedro Sánchez, cun 4,25 e do popular Alberto Núñez Feixoo, cun 4,18. Fecha a lista, xa moi lonxe, o recentemente reelixido presidente de Vox, Santiago Abascal, con 2,76 puntos. O CIS non pregunta pola líder do outro partido de ámbito estatal, a secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra.

En todo caso, Sánchez mantense como o político preferido para presidir ao Goberno, e así o sinalan un de cada catro enquisados (25,6%), fronte ao 17,2% que obtén Núñez Feixoo. O presidente do Goberno xera desconfianza no 68,5% dos enquisados, por un 29,7% que asegura ter bastante ou moita confianza nel, pero os datos do xefe da oposición son aínda peores: só confía en Feixoo o 25,9% por un 72,4% que ten pouca ou ningunha confianza nel.

Se se cruzan os datos co recordo de voto nas últimas xerais, un terzo dos votantes do PSOE (33,2%) nos comicios de xullo admite que teñen pouca ou ningunha confianza no seu presidente, unha desconfianza interna que no caso dos votantes do PP con Feixoo só chega ao 23,9%.

Comentarios