CIS de abril: O PP obtén o seu peor resultado desde que o lidera Feixoo

O Barómetro do CIS apunta a unha vantaxe de máis de catro puntos do PSOE sobre o PP.
Resultado do Barómetro do CIS en abril. (Gráfico: CIS / Nós Diario)
photo_camera Resultado do Barómetro do CIS en abril. (Gráfico: CIS / Nós Diario)

O Barómetro de Opinión realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) neste mes de abril mantén ao PSOE na cabeza no conxunto do Estado español con máis de catro puntos de vantaxe sobre o PP.

En concreto, o CIS outorga ao PSOE unha estimación de voto en abril de 30,4%, seguido do PP con 26,1%, e xa detrás aparecen Vox con 11,1%, Sumar (que se estre como cuarta forza política no Barómetro do CIS) con 10,6% e Podemos con 6,7%. Moi lonxe aparece Ciudadanos con 2,8%.

Pola súa parte, o BNG obtén unha porcentaxe de 0,5% (sobre o total de circunscricións estatais). Desta forma, aínda que a forza nacionalista perde dúas décimas con respecto ao anterior barómetro, obtén o mesmo resultado que nas anteriores eleccións, co que tería asegurada a súa representación no Congreso.

A sondaxe baséase en 4.159 entrevistas telefónicas a electores de 1.298 municipios de 50 circunscricións electorais que se realizaron entre o 31 de marzo e o 5 de abril, antes do inicio da Semana Santa.

Ao preguntar ás persoas enquisadas a que forza política votarían se mañá fosen as eleccións estatais, 22,2% adianta o seu apoio ao PSOE e 19,9% ten xa decidido votar ao PP, a terceira praza compártena Sumar e Vox, con 8,4%, por diante de Unidas Podemos (5,1%) e de Ciudadanos (1,2%). Tamén hai 11,1% de enquisadas que non saben aínda o seu voto, 3% que evita contestar, e 7,2% que avanza a súa intención de absterse.

O PSOE perde 2,3 puntos e o PP obtén o seu peor dato con Feixoo

Con esas respostas, máis as opinións mostradas no conxunto do cuestionario, o CIS realiza a súa propia estimación de voto na que de novo o PSOE aparece na cabeza, pero esta vez con 30,4%, 2,3 puntos por baixo do récord que marcara o mes anterior, mais dous puntos por encima do resultado co que gañou as eleccións de novembro de 2019.

A segunda praza é para o PP, que se anota 26,1%, o peor dato desde o ascenso de Alberto Núñez Feixoo ao liderado popular, e tamén case dous puntos menos que no mes de marzo. Como os dous partidos máis votados coinciden nos seus descensos, a distancia entre ambos é similar á do mes anterior, 4,3 puntos en abril polos 4,7 de marzo.

Como terceira forza repite Vox, esta vez con 11,1%, o que mellora nun punto a porcentaxe de 10% que viña repetindo desde novembro do pasado ano. En todo caso, segue por baixo da taxa de 15% que lle deu 52 deputados nas xeneral de 2019.

Descenso da dereita

O bloque da esquerda estatal (PSOE, Sumar e UP) chega até 47,7% fronte á porcentaxe de 40% que obtén a suma do PP, Vox e Cidadáns. Por outra parte, ERC segue liderando os partidos cataláns con 2,1% fronte á taxa de 0,9% de Junts e á de 0,6% da CUP. En Euskadi, o PNV (1,2%) repite por diante de Bildu (1%).

Comentarios