CIS de marzo: PSOE supera a barreira de 30%, e o PP aguanta o avance de Vox

O BNG obtería 0,5% dos votos e podería manter o seu deputado no Congreso.
Estimación de voto do CIS para marzo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Estimación de voto do CIS para marzo. (Foto: Europa Press)

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) presentou nesta quinta feira o seu barómetro do mes de marzo, no que aplica un novo modelo de estimación de voto, e o primeiro no Estado español que mide os efectos da guerra de Ucraína e da candidatura de Feixoo á presidencia estatal do Partido Popular (PP).

Con este novo modelo, o Partido Socialista (PSOE) incrementa aínda máis a súa estimación de votos, que xa supera a barreira de 30%, alcanzando en concreto 31,5%, case tres puntos porcentuais máis que no mesmo barometro de febreiro.

En segunda posición sitúase o PP, a 7,7 puntos dos socialistas, con 23,8%, polo que tamén sobe 2,5 puntos nun mes. Vox consolídase na terceira posición, aumentando a súa estimación de voto até 16,3%, por primeira vez por riba de 15% que acadou nas pasadas eleccións xerais.

En canto ao resto de principais partidos estatais, esta vez Unidos Podemos baixa até 11,8%, case dous puntos menos que o mes anterior, e Ciudadanos só consegue 3,2%, por debaixo de 5% que permite formar grupo no Congreso e lonxe de 6,79% que logrou nas xerais de 2019.

O BNG, do 0,5% do CIS ao 1,2% de IMOP

Na Galiza, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) obtería 0,5% dos votos, con respecto ao barómetro de febreiro, que lle permitiría seguir mantendo un deputado no Congreso. Un resultado que chega un día despois da enquisa publicada por IMOP, para El Confidencial, que lle outorga 1,2% dos apoios e 4 deputados.

En Catalunya, Esquerra Republicana obtería 2,7% dos votos, o que situaría a formación nacionalista como principal forza soberanista catalana, por enriba de Junts, a quen dobra en porcentaxe de estimación de votos, con 1,3%, e a CUP, con 1,1%

En Euskadi, o Partido Nacionalista Vasco (PNV) e EH Bildu superan 1% da estimación de voto. En concreto, o PNV conta cunha estimación de 1,3%, mentres que Bildu mantense nese 1%.

O resto da estimación de voto repártese así: Pacma (0,8%), Navarra Suma (0,4%), Coalición Canaria (0,4%), o Partido Rexionalista Cántabro (0,2%) e Teruel Existe (0,1%).

Comentarios