CIS de marzo: o PSOE amplía a vantaxe co PP e o BNG sobe a 0,7% en estimación de voto

Os socialistas dan a volta á dinámica de dous meses consecutivos co PP encabezando a intención directa de voto.
O PSOE fica á cabeza e o PP retrocede en marzo, segundo o CIS. (Infografía: Europa Press)
photo_camera O PSOE fica á cabeza e o PP retrocede en marzo, segundo o CIS. (Infografía: Europa Press)

O Barómetro de Opinión realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) no mes de marzo, coñecido esta sexta feira, mantén o PSOE á cabeza cunha estimación de voto de 32,7%, seis décimas máis que o mes anterior, e mesmo os socialistas logran duplicar até os 4,7 puntos a súa vantaxe sobre o PP, que baixa a 28%. A maior caída sófrea Unidas Podemos, que en marzo só anota un 10% de estimación de voto fronte ao 12,7% de febreiro, o que provoca a perda da terceira praza en favor de Vox, que se mantén en 10,1%.

A enquisa baséase en 3.788 entrevistas telefónicas realizadas nos primeiros once días de marzo, en plena división no seo do Goberno español pola reforma da lei do 'só si é si' e tras a polémica polo 'caso Mediador' e as actividades extraparlamentarias do ex deputado Juan Bernardo Fuentes Curbelo, coñecido nos seus círculos próximos como Tito Berni.

Ao ser preguntadas por quen votarían se as eleccións decorresen mañá mesmo, xa hai 23,6% de electoras e electores que teñen decidido apoiar o PSOE, e 20,9% que anticipan o seu sufraxio para o PP. Os socialistas logran así dar a volta a dous meses consecutivos nos que o PP encabezaba esta táboa de 'intención directa de voto', que ten a súa relevancia xa que seis de cada dez persoas deciden o seu voto moito antes da campaña electoral.

Pero como non todos os entrevistados teñen clara a súa intención de voto, pois hai un 13,2% que non o sabe, un 4,8% que non contesta e un 7% que asegura que non votaría, o CIS fai a súa propia estimación de voto coas respostas ao conxunto do cuestionario. A súa conclusión é que en marzo o PSOE conta cun apoio maioritario de 32,7%, que é a súa cota máis alta da lexislatura nas enquisas do CIS, que xa alcanzara en outubro e novembro de 2022. Son seis décimas máis que o mes anterior e 4,7 puntos por riba do 28% co que gañou as últimas eleccións xerais.

E mesmo duplica a súa vantaxe sobre o PP, que en marzo chega aos 4,7 puntos. E é que os populares experimentan un retroceso de case dous puntos nun mes —chegaran a 29,8% en febreiro—, e agora atribúeselle un apoio de 28%. En todo caso, son oito puntos máis que o respaldo que logrou Pablo Casado en 2019.

A terceira praza é para a ultradereita de Vox, que fica practicamente inalterábel nas enquisas do CIS. En marzo marca 10,1%, a mesma franxa na que leva desde novembro do ano pasado. Nas últimas xerais chegou a 15%. E sae do podio Unidas Podemos, por vez primeira desde o pasado verán. O CIS outorga ao espazo confederal un apoio de 10%, 2,7 puntos menos que o mes anterior e 4,2 puntos por baixo do seu dato do mes de xaneiro. É dicir, é a súa terceira caída consecutiva nos barómetros e agora fica 2,8 puntos por baixo do resultado electoral que os deixou en terceiro lugar no Congreso.

Pola súa parte, Ciudadanos obtén 2,4% da estimación de voto, apenas catro décimas máis que en febreiro pero moi lonxe do 6,8% de novembro de 2019, que foi considerado un fracaso e que levou á dimisión de Albert Rivera. A suma de Máis País-Equo e de Compromís, que o CIS vén computando por separado desde decembro, sitúase en 1,4%.

No que atinxe aos partidos de ámbito territorial, o BNG obtería hoxe 0,7% dos sufraxios a nivel estatal, isto é, mellora nunha décima o resultado da enquisa de febreiro, e mantén en 0,6% a intención directa de voto. ERC fica á cabeza en Catalunya cun 2,5%, fronte ao 1,1% de Junts e o 0,5% da CUP, mentres o PNV volve adiantar EH Bildu, con 1,1% e un 0,7%, respectivamente.

Comentarios