David Chipperfield critica a falta de valentía das Alcaldías en materia de tráfico: "O coche tense que sentir que é o invasor e non ao revés"

O arquitecto británico David Chipperfield mostrouse partidario de "atopar a forma de humanizar" as cidades e as vilas galegas con "estratexias a longo prazo".
O arquitecto británico David Chipperfield (Foto: USC).
photo_camera O arquitecto británico David Chipperfield (Foto: USC).

O arquitecto británico David Chipperfield mostrouse partidario de "atopar a forma de humanizar" as cidades e as vilas galegas, para o que chama ás Administracións a apostar por "estratexias a longo prazo" en cuestións como a rehabilitación de edificios abandonados e a redución do tráfico no centro das poboacións.

Este Premio Pritzker (o coñecido como o Nobel da arquitectura) ofreceu unha conferencia en Compostela esta quinta feira con motivo dunhas xornadas do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) sobre protección do patrimonio.

Tras ofrecer diferentes exemplos das súas intervencións en diferentes partes do mundo, como o realizado no Neues Museum de Berlín, o arquitecto referiuse á situación da Galiza e á problemática do abandono de multitude de edificios no centro das localidades.

"A Galiza tense autoinflixido certo grao de dano" que non deriva de "bombas nin exércitos invasores", senón que se debe a unha "ordenación pobre" e á "falta de normativa", entre outras dificultades nunha autonomía con "moita dispersión".

O arquitecto, que pasa grandes períodos ao ano en Corrubedo, no municipio de Ribeira (O Barbanza), opinou que "non ten sentido pavimentar unha praza" sen actuar sobre edificios abandonados. "O único que podemos facer é chamar a atención sobre estes aspectos", aseverou, co fin de "chegar ás instancias ás que teña que chegar".

De feito, mostrouse partidario dunha normativa que permita ás Administracións locais "recuperar, expropiar e reformar" edificios abandonados para "volver ocupalos". Algo que debe facerse "se queremos que os mozos se queden na Galiza".

Para isto, dixo, as cidades deberán "ser máis bonitas e o seu medio ambiente moito mellor". Neste sentido, afirmou que reformar un edificio sempre será máis sostíbel medioambientalmente que tiralo e facelo de novo.

"Corrixir" a invasión do tráfico

Igualmente, Chipperfield apelou ás Administracións para "corrixir" o problema do tráfico na Galiza, con vehículos que invaden o espazo público no centro. Así, lamentou que cando fala cun alcalde ou alcaldesa, a maioría das autoridades municipais dinlle que poden tratar calquera tema "menos o tráfico", xa que temen perder o seu posto por tentar cambiar ese aspecto. Por iso, pediu mirar a longo prazo sen guiarse polas políticas a curto prazo de catro anos de mandato.

O arquitecto avisou de que "o tráfico está a estragar a cidade" e avogou por "crear conexións" entre espazos, mais observou unha burocracia na Galiza que impide cambiar as cousas, "unha gobernanza de maneira vertical" en lugar de ser "horizontal". Deste modo, considerou que cando un vehículo entra nun municipio galego, "o coche tense que sentir que é o invasor e non ao revés".

Con todo, Chipperfield apuntou a que a crise ambiental ofrece unha "oportunidade" para enfrontarse a estes retos. Tamén sinalou como un "problema na Galiza moi importante" o "entusiasmo" co que a Administración Pública concede proxectos a "contratistas privados", co que "se quitan o problema de encima".

Sobre isto, avisou de que carrexa "condicións en cuestións ambientais que son moi pouco concisas e moitas veces acábase tendo un proxecto que non vale a pena". Por este motivo, pediu un maior control público sobre eses traballos, tal e como ocorre noutros países como Alemaña.

Comentarios