A caverna mediática pon o casco, cala a baioneta e avisa: de referendo, nada

Os xornais da dereita española apelan ao espírito de ‘Perejil’ para pedir a quen sexa man dura contra o secesionismo. Editoriais e opinións cargan contra os centos de milleiros de cataláns que pacificamente pediron a independencia. O ABC chámalles “sediciosos”, La Razón “populistas”, El Mundo dilles que “están en la tribu” e Libertad Digital avísalles: “En 2014, a bailar la conga”. Na festa rojigualda non faltou Barreiro Rivas en La Voz, a falar de “independentismo trapalleiro”

bandeira española e senyera

En Catalunya confunden a liberdade coa libertinaxe. Está claro. Para a caverna mediática españolista (ese xornalismo de ‘cazalla y toros’ que aniña en xornais, radios e TDTs da ‘Villa y Corte’) xa se sobrepasaron todas as liñas vermellas. É hora de poñer casco, calar a baioneta e apelar o espírito que permitiu fazañas como a reconquista do illote Perejil. Os centos de milleiros de persoas que na Diada reclamaron a independencia enviaron unha mensaxe ao mundo (liberdade para o seu país) que, non obstante, na caverna entendeuse doutro xeito: “Estannos a buscar as cóxegas ao resto dos españois”, advirte un articulista de La Gaceta. A cousa ponse fea.

“O nacionalismo é isto...un regreso á tribu”, escribe Vargas Llosa en El Mundo

En El Mundo titulan a cinco columnas: “Cataluña encadeada”, o xogo de palabras de máis éxito entre o españolismo estes días a raíz da cadea independentista. No editorial, “Rajoy no puede seguir de brazos cruzados”. O xornal de Pedro J mesmo rescata a Vargas Llosa para que opine da Diada: “El nacionalismo es esto...un regreso a la tribu”, Vaia, hom!

Tamén escrebe Victoria Prego, que se pon en plan responsábel porque “que-yo-sé-mucho-de-la-Transición” e ceiba por esa pluma que “hai que encauzar ese magma independentista cara a racionalidade”. Porque, xa se sabe, o independentismo é irracional.

Os millóns de cataláns que desafiaron aos independentistas ficando na casa

O ABC considera que a CIU “o xogo váiselle das mans” e no seu editorial indica que “hai que facer fronte á sedición independentista”. O veterano medio monárquico, o igual que o resto da caverna, tamén bota man dun argumento ‘sui generis’ (e no que o PP incide nestas horas): Houbo millóns, moitos millóns, que non tomaron parte na cadea independentista. A ‘maioría silenciosa’. Millóns que ficaron na casa porque son bos españois. Un argumento perigoso, porque... Cando o de Miguel Ángel Blanco, saíron á rúa 10 millóns de españois. Quere iso dicir que os outros 30 millóns...?

O ABC pide no seu editorial “facer fronte á sedición” en Catalunya e acusa aos independentistas de causar “retencións de tráfico”

Tamén o ABC é responsábel dunha das perlas do día: “O regreso dos asistentes á cadea causa retencións quilométricas” que alteran o dereito á circulación dos cataláns ‘normais’ (os que ficaron na casa, os que non foron á Diada).

“En twitter machacamos a eses separatistas”

Non podía faltar aquí La Razón. Marhuenda nunca defrauda. Portada con titular a cinco columnas sobre unha bandeira catalá e outra española: “Non nos dividirán”. Editorial: “Vía populista a ningures”. Opinión preferente: “Twitter amosa a todo o mundo a españolidade de Catalunya e os cataláns”. #Jasús

“Carod Rovira e Lluis Llach invaden Castellón” titulan unha noticia en Libertad Digital

Para La Razón, nada de 1.600.000 participantes na Diada. Nin medio millón. Unhas ducias de milleiros. E, lembren, millóns ficaron nas casas nun claro desafío aos separatistas.

“Ruína económica de Cataluna”

A vertente ‘hardcore’ da Caverna tamén quixo opinar (informar é outra cousa) sobre a Diada. ‘La Gaceta’ mesmo na súa edición dixital ofrecía un vídeo de Mario Conde que “en tres minutos desmonta as mentiras do nacionalismo catalá”. E, iso si, dá lugar prefrente á avioneta que sobrevoou Barcelona cunha faixa de Intereconomía defendendo a unidade de España. “Independentistas se indignan con la avioneta”, titulan.

Marhuenda, director de La Razón, avisa: “Non nos dividirán”

E ‘Libertad Digital’ prognostica a ruína económica de Catalunya, por se portar mal e por separatista. Destaca que se queimaron bandeiras españolas e un retrato do Borbón (“El Rey, en llamas”, titulou) e, atención, textualmente, afirma: “Carod Rovira e Lluis Llach invaden Castellón”.

E ademais de todo isto, avisa José García na súa opinión que de referendo, consulta e democracia, nada de nada. Que para 2014, “a bailar la conga”

E mesmo desde Galicia, vía ‘La Voz’, chega a achega do ‘noroteste’ a este circo. Xosé Luis Barreiro Rivas, que colle carreiriña e fala de “independentismo trapalleiro” e acusa ao estado español de “pusilámine” por non poñer couto xa dunha vez por todas a eses separatistas. E di que en ningún estado serio se permitiría o que pasa en Catalunya. Alguén lle tería que falar ao veterano opinador de Escocia e Reino Unido ou Quebec e Canadá.


 

Comentarios