DPG2017

Causa Galiza chama ao compromiso para construír o independentismo "que necessita este País"

Presenta unha “folla de ruta de urxencia”  para a organización e intervención social do independentismo.

causa galiza dia da patria Imaxe de GZ contrainfo
photo_camera Imaxe de GZ contrainfo

Causa Galiza volveu marchar como tal pola capital do país neste 25 de Xullo, unha cita á que non puido acudir esta organización en 2016 por mor da ‘ilegalización’ decretada pola Audiencia Nacional española a raíz da ‘Operación Jaro’. Varios centos de persoas (perto de 400 segundo a organización) tomaron parte na mobilización, que decorreu baixo o lema ‘Pola Independência nacional. O futuro é nosso’, aíndo da Alameda compostelán e finalizando no Praza do Toural. Ao longo da marcha, as manifestantes corearon berros e consignas a prol da independencia de Galiza, pola liberdade dos presos independentistas e contra a presenza das forzas de seguridade españolas. Unha bandeira galega levada por seis persoas abría a manifestación.

Causa Galiza defendeu a independencia nacional como a única ferramenta que garante facer fronte á situación que vive Galiza, que cualifican de “pauperizaçom, espólio e assimilaçom”. No manifesto, lido ao cabo da mobilización, sinalouse o exemplo catalán como proceso que permite evidenciar dous feitos: Un, que a aposta en elevar teitos competenciais e gañar máis autonomía“fai parte já da política-fiçom”. Outro, que confiar nunha ‘democratización’ do Estado español de cara a recoñecer as nacións que fan parte del é unha “fantasía”.

Ante un marco autonómico que considera “morto”, Causa Galiza apela a traballar para a organización e intervención social do independentismo. Manifesta a súa vontade de desenvolver a loita política e social nos limites da legalidade e denuncia o intento do Estado de “envolver a militáncia independentista  numha política de excecionalidade policial, penal e mediática”.

Folla de ruta

Causa Galiza expuxo o que denomina unha “folla de ruta de urxencia” que implica, sinala, tres tarefas principais: consolidar organizativamente CG, que considera xereme do futuro proxecto independentista; desenvolver unha intervención socio-política planificada e que abranga novos campos (municipal); e a posta a ponto dunha estatexia independentista para as vindeiras décadas. Nestas tarefas chama a participar “activamente” a todos os independentistas. "O Independentismo Galego nom existe para resistir, ou fazer frente à repressom: nascemos e existimos para construir os meios e as condiçons que nos permitam liberar esta naçom do jugo espanhol".

Comentarios