28-M

Catro dos nove alcaldes cesados en mocións de censura poderán volver á alcaldía

Os rexedores da Baña, Sada, Ribadavia e Viana do Bolo recuperarán o bastón de mando.
O nacionalista Secundino Fernández gañou a Alcaldía de Viana en 2015 e repetiu en 2019.
photo_camera O nacionalista Secundino Fernández gañou a Alcaldía de Viana en 2015 e repetiu en 2019.

Catro dos nove alcaldes cesados en mocións de censura no último mandato municipal poderán volver á Alcaldía tras mellorar os seus resultados nas eleccións deste domingo. Trátase dos que foran rexedores da Baña, Sada, Ribadavia e Viana do Bolo.

Na Baña, o socialista José Pereira Gil podería recuperar o bastón de mando tras lograr cinco edís, un máis. Así, de chegar a un acordo co BNG (1 concelleiro) obtería a maioría absoluta fronte ao PP de José García Cardeso, que se mantén nos cinco concelleiros.

En Sada, o cabeza de lista de Sadamaioría e exalcalde Benito Portela obtén un concelleiro máis, até os sete, sendo a candidatura máis votada. Portela podería sumar os apoios do BNG (un concelleiro) e do PSdeG (outro edil) fronte a candidata de Unidos por Sada e actual alcaldesa en funcións, María Nogareda, que se fai con catro edís. Pola súa banda, o PP obtén outros catro.

En Viana do Bolo, a subida en apoios do actual alcalde, o popular Andrés Montesinos, que pasa de catro a cinco concelleiros, non lle chega para alcanzar a maioría absoluta. Así as cousas, o nacionalista Secundino Fernández podería volver facerse co mando se a súa formación, que logra tres concelleiros, logra o apoio do PSdeG, que obtén outros tres.

Outros municipios nos que houbo mocións de censura

En Malpica de Bergantiños, previsibelmente, o popular Eduardo Parga, que repite con seis actas, continuará como rexedor de volver contar de novo co apoio do independente Alfredo Cañizo (un edil). Cañizo deixou Ciudadanos após permitir unha moción de censura contra o socialista Walter Pargo, que volve a lograr catro concelleiros. Pola súa banda, o BNG mantén os seus dous edís.

Pola súa banda, en Mugardos, os tres partidos da esquerda suman maioría fronte o PP do actual alcalde, Domingo de Deus, que volve obter cinco edís. Aínda que é posíbel un acordo entre a esquerda, é difícil que a ex rexedora de Esquerda Unida Pilar García volva á Alcaldía, xa que se sitúa como cuarta forza, con dous concelleiros, por detrás de BNG (3) e PSdeG (3).

Por último, en Castrelo de Miño, o actual rexedor en funcións, Avelino Pazos, logra a maioría absoluta ao conseguir cinco escanos (dous máis) tras levar a cabo unha moción de censura con éxito no pasado mandato contra o nacionalista Esteban Suárez.

O único alcalde apartado do mando na pasada lexislatura que non se presentou aos comicios foi David Barreira, quen gobernara Santa Comba baixo as siglas de Compromiso por Galicia.

Comentarios