Esculca presenta ás candidaturas do 25S un catálogo de medidas urxentes en dereitos e liberdades públicas

Esculca remitiu ás formacións que concorren ás eleccións galegas unha serie de propostas para avanzar no camiño das liberdades públicas.

Carga policial

Esculca, Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, enviou ás diferentes candidaturas que concorren ás elecciónsdo 25 de setembro en Galiza un catálogo cunha serie de “medidas urxentes” en materia de dereitos e liberdades públicas. Son propostas que fan referenza a diversos ámbitos e que desde Esculca se dividen en dous bloques, aquelas que afectan ás competencias de Galiza e aqueloutras que detén o Estado en exclusiva.

Entre as primeiras hai propostas como a da reclamación inmediata da asunción polo Sergas das competencias en materia de sanidade penitenciaria e o tratamento igualitario para as persoas presas en materia de expedición de fármacos e tratamentos en relación coas persoas non  privadas de liberdade, a creación dun Mecanismo nacional de Prevención da Tortura de ámbito galego, a modificación da figura do Valedor do Pobo, a inmediata denuncia e resolución dos concertos educativos con centros docentes privados que optan pola educación segregada por sexos ou a regulación legal da efectiva separación de funcións publicas  dos representantes institucionais da Xunta e das entidades locais en relación a eventos relixiosos.

A creación dun servizo especifico de defensa de dereitos de persoas migrantes e o refuxiadas, a garantía de acceso universal á sanidade pública de todas as persoas residentes na Galiza, a recuperación plena da xestión pública de todos os centros e servizos da rede sanitaria galega, a eliminación do requisito legal de non percibir mais dunha renda do RISGA por unidade de convivencia, son outras das medidas que fan parte do catálogo.

Nun segundo bloque Esculca reúne as medidas cuxa implementación sería competencia estatal e que o futuro Parlamento, “por medio dos mecanismos case-lexislativos de que está dotado (declaracións, proposicións …..) e a Xunta deberían,  no noso entender, propor de inmediato aos órganos competentes”.  Aquí van propostas en varios apartados: Dereitos de reunión e manifestación, Politica Penitenciaria, Reforma da lexislación penal-procesual, Reforzamento dos procesos e institucións tuitivas de dereitos, ou propostas en materia de política de extranxeiria.

Comentarios