DAVID FERNÀNDEZ / DEPUTADO DA CUP

“Que os cataláns esperemos por un cambio en Madrid é o que leva décadas dicindo a casta”

O representante da CUP está en Galiza, onde recoñece que o proceso soberanista pasa por un momento de debilidade, lembrou que o 70 por cento d@s independentistas se declaran “de esquerdas”, amosouse incómodo coa “ambigüidade” de Podemos e criticou a "anulación" dos movementos sociais por parte de forzas políticas cando están no poder.

davidI
photo_camera David Fernández, na Coruña

David Fernández é deputado da CUP no Parlamento catalán, desde o cal fíxose famoso polas súas brillantes intervencións e polo seu ton, claramente anticapitalista e independentista. Visitou Galiza convidado por Anova, que en colaboración con Marea Atlántica organizou na Coruña unha charla á que asistiron unhas sesenta persoas e que foi presentada polo deputado galego Antón Sánchez. Alí falouse, por exemplo, da relación entre a actividade parlamentar dunha formación alternativa e o xeito de relacionarse coa base social da que provén. Fala David Fernàndez:  

-O Parlamento é só un instrumento, todo o que estamos conseguindo na Cámara que hai un tempo semellaba imposíbel, como a prohibición das balas de goma da policía, débese ao rebote do que se reivindica fóra.  

-Hai movementos sociais que manteñen moitas prevencións ante as forzas políticas de esquerda.  

-Houbo experiencias moi malas, como de partidos que teñen anulado aos movementos. Que non nos pase iso é o grande reto da CUP. Denunciaba o poeta Emilio Pacheco iso de que “nos convertemos en todo aquilo contra o que loitabamos”, e esa é a historia da esquerda. A socialdemocracia ten utilizado os movementos sociais como escaleira para subir ao poder, para unha vez instalado no mesmo tirarnos a escaleira enriba. Por exemplo, nesta última etapa os primeiros recortes non os fai Artur Mas nin Rajoy senón o Tripartito e Zapatero. 

-Malia participar do proceso de Guanyem Barcelona, finalmente a CUP formará outra candidatura e non se integrou na que lidera Ada Colau, agora chamada Barcelona en Comú. Por que?

-Por elementos moi de Barcelona e sen que iso poña en dúbida o cariño que sinto por Ada, compañeira en distintas loitas desde hai moitos anos. Pero temos moi claro de onde vimos, e a participación nese proxecto de ICV supuxo un valado moi difícil de saltar. A cidade estivo gobernada pola esquerda desde 1981 até 2011, coa súa presenza, como no tripartito. E, polo tanto, foron responsábeis da construción deste modelo da Barcelona de escaparate, que mima o turista de fóra e maltrata o veciño e a veciña de dentro, que é contra o que nós loitamos.  

-Vivimos tempos nos que se debate moito sobre se é prioritario o nacional ou o social, mesmo con voces que afirman que o nacional utilízase para tapar o social. 

-Ese debate case sempre sae da esquerda estatal, na catalá non existe. Até o 70 por cento das persoas que se declaran independentistas din que son de esquerdas. Que se a independencia ten sentido é para crear unha sociedade distinta resulta alí un convencemento case mainstream. Afirmar que o independentista está apoiando as políticas de Artur Mas é tan perverso como o sería dicir que os que non son independentistas apoian todos e todas a Mariano Rajoy. O catalán é un proceso máis social que identitario. Ao igual que en Escocia: na moi escocesa Edimburgo gañou o Non á independencia; na obreira Glasgow venceu o Si.

-Está en decadencia o proceso soberanista?
 
-Está debilitado, pero ten unhas raíces moi sólidas a pesar de que a xestión política levouno a esta especie de freada. Parecía que despois do 9-N ía despegar e de súpeto atopámonos cun bloqueo de motivacións electoralistas nas que se nos presentou un acordo entre ERC e CIU que só responde aos intereses de cada un: Esquerra consegue que non haxa lista única, o que nos parece ben, e Convergència irá ás urnas en setembro, que coidan que lles vai mellor. Pero tamén hai que ser conscientes do que estamos facendo: construír a liberdade política dun pobo non é fácil. E o actual non é o único parón, antes do 9-N houbo dous o tres semellantes que o que expresan é a complexidade do proceso, pero tamén a súa pluralidade. Este proceso non é cousa de ERC e Convergència, senón de milleiros de entidades de todo tipo que o dinamizan. 

-Nese sentido, como valora a posición da Asamblea Nacional Catalá, a ANC?

O seu papel foi extremadamente delicado e, con todo o cariño e respecto que lles teño, penso que non foi acertado que Onmium e ANC aparecesen na foto. Outra cousa é que exerceran de mediadores, porque o desencontro entre ERC e Convergència era importante. Pero non podes ter un movemento social tan grande ao servizo de estratexias de partido, aínda que sexan os que teñen a maioría política. Porque facer iso é manter a Cultura da Transición, na que os pactos e as decisións son unha exclusiva dos partidos. 

-Hai en CiU e nalgún outro sector soberanista quen afirma que Podemos é un Cabalo de Troia que pode dinamitar o proceso de soberanía. 

-Na CUP somos partidarios e partidarias do debate franco e claro de ideas. Cabalo de Troia? Seguramente son máis Cabalo de Troia La Caixa ou La Vanguardia que Podemos. O seu voto en Catalunya responde ao afundimento do PSC e un chisco que sacan de Ciudadanos, é así, formamos parte dunha sociedade plural e paréceme máis importante intentar sumar a estes sectores ao Proceso que cargar contra eles, que sería pegarse un tiro no pé. Outra cousa é que a política de Podemos respecto ao Proceso é fráxil e feble, que non está á altura do que entendemos por sociedade democrática. Que nos prohiban unha consulta... que prohiban darlle a palabra á cidadanía, que é precisamente o que reivindica Podemos... precisa unha resposta forte. E a eles parece que lles falta descodificar cales son os vimbios do proceso catalán e seica caen nesa ambigüidade calculada á que se lle engaden vellos tópicos dunha esquerda estadista que de forma inconsciente ou deliberada, que sería peor, reproduce os argumentos dun nacionalismo de Estado. Dicirlle á sociedade catalá que espere a que haxa un cambio en Madrid é o que leva décadas defendendo a casta, sexa a oligarquía catalá ou a oligarquía española. Isto é, un discurso antigo. Nós saudamos a aparición de Podemos, pero cando falamos das características do réxime do 78 temos claro que un deles é a negación dos suxeitos políticos, e nós defendemos que hai pobo catalán, pobo vasco, pobo galego e o resto dos pobos do Estado. E a nosa aposta quere máis democracia en Catalunya e máis democracia no Estado español, pero o respecto mutuo pasa por respectar a libre determinación do pobo catalán para decidir o seu futuro, algo que, lle pese a quen lle pese, vai facer. 

Comentarios