Casado, "decepcionado" polo conflito con Ayuso: "É algo que non merezo"

Díaz Ayuso, baixo sospeita pola suposta cobranza dunha comisión por parte do seu irmán a través dun contrato adxudicado 'a dedo', acusa a dirección estatal do PP de "urdir un plan" para destruíla politicamente.
Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso (Fotos: Europa Press).
photo_camera Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso (Fotos: Europa Press).

O líder do Partido Popular, Pablo Casado, confesou esta sexta feira que se sente "moi sorprendido" e "decepcionado" ante o que está a ocorrer coa presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e recalcou: "É algo que non merezo".

Ademais, sinalou que o dossier sobre o irmán de Díaz Ayuso pola suposta cobranza de comisións nun contrato sanitario sobre máscaras non veu de Moncloa. Así se pronunciou nunha entrevista na Cadea Cope, no medio da guerra aberta no seo do PP.

Esta quinta feira, a presidenta madrileña acusou á dirección estatal da súa formación de vinculala coa corrupción "sen probas" e de tentar urdir un plan para destruíla.

Pouco despois desas declaracións, o secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, anunciaba a apertura dun expediente informativo e a posibilidade de emprender accións legais polas súas acusacións "case delituosas" contra Casado.

Un "espectáculo lamentábel"

Casado afirmou que o PP se limitou a pedir información no ámbito interno e rexeitou que fose con ánimo inquisitorial. Ao seu entender, está a "alongarse unha montaxe" cando "o fácil" é demostrar que todo é correcto nese contrato.

"Todo isto ten que acabar", proclamou, engadindo que se pode facer xustificando que se fixo coa lei en vigor. Segundo dixo, é algo que "se tiña que aclarar en privado" evitando este "espectáculo lamentábel".

Comentarios