domingo 23.02.2020

'Cantares gallegos' para Feijóo e dedicatoria para que deixe ''de perseguir o galego''

O BNG remitiu un exemplar da obra de Rosalía ao presidente (tras se referir Feijóo a ela como 'Poemas galegos') co consello de que cambie a política lingüística. Ana Miranda e a actriz Isabel Risco presentaron, aliás, en galego e inglés, o manifesto 'O galego vai de marabilla'.

Foto: Delmi Álvarez
Foto: Delmi Álvarez

Núñez Feijóo vai recibir un exemplar da obra fundacional da literatura contemporánea galega con remite do BNG. O 'Cantares gallegos' como agasallo en vésperas do Día das Letras Galegas e feito horas despois de que o presidente da Xunta lle cambiase o nome por 'Poemas galegos' nunha entrevista televisiva.

A candidata ás europeas, Ana Miranda, acompañada de Bieito Lobeira e Goretti Sanmartín , entregou un exemplar da obra de Rosalía de Castro no rexistro da Xunta. Cunha petición: un “cambio na política lingüística que invisibiliza e perseguir o galego”.

'De marabilla'

Momentos antes, Ana Miranda e a actriz Isabel Risco presentaran (nun acto inzando de ironía, en galego e inglés) 'o galego vai de marabilla', o manifesto do BNG co gallo do 17 de Maio. Risco enumerou todos aqueles eidos onde o idioma do país vai “de marabilla” como nas cidades, entre a mocidade ou nos espazos de lecer, e destacando aspectos como “a gran produción propia de cinema en galego”.

Pola súa banda, Miranda agradeceu o compromiso de todas as persoas que axudan a manter o galego vivo e denunciou que a Xunta “quere roubarnos o galego” seguindo unha planificación para exterminar a lingua propia do país. A candidata do BNG considera que o galego si que pode ir de marabilla na realidade se "conseguimos que se nos recoñeza como pobo".

comentarios