Cambios de goberno e sorpresas nos municipios do país

[ACTUALIZACIÓN 19.25H] En 15 dos 310 concellos galegos estaba sen aclarar até este sábado quen sería o próximo alcalde ou alcaldesa. Case un centenar de localidades mudaron de rexedor.


Eran poucas as incógnitas sen despexar de cara a esta xornada de investiduras. Mais en 15 dos 310 municipios galegos estaba sen aclarar até este sábado quen sería o próximo alcalde ou alcaldesa. En case un centenar de concellos produciuse un cambio de rexedor. As eleccións municipais deste 24 de maio debuxaron un taboleiro político novo, onde o PP perdeu concellos históricos.

A primeira elección inesperada chegou en Ourol, onde PP e Compromiso por Galicia tiñan un pacto verbal que rompeu a número 2 dos populares. Begoña Moreiras votou a favor da candidatura socialista encabezada por José Luis Pajón, que gobernará en minoría após ser a forza máis votada. Moreiras dixo que coa súa decisión “van frustrarse moitos intereses bastardos”. 

Caso oposto ocorreu na localidade de Miño, na Coruña, onde CxG obtivo por “sorpresa” os seis votos do PP. O único edil de Compromiso e os seis do PSOE votaran pola súa propia candidatura e até o último momento mantiñan aberto un posíbel pacto de goberno. Os populares frustraron esa posibilidade e fixeron alcalde a Ricardo Sánchez, de CXG, que sinalou que non existía ningún acordo previo. 

Con incógnita espertaron tamén en Boimorto. Unha reunión de última hora permitiu que Xosé Luis Rivas, do BNG, lograra a alcaldía cos votos do PSOE. Rivas puxo o seu cargo a disposición se non acadan un pacto de goberno ambas formacións.

Sorpresa tamén en Muros onde a candidata de Compromiso por Galicia, María Xosé Alfonso, conseguiu o bastón de mando cos votos do PSOE, que renunciou á reelección. A nova rexedora tivo que improvisar o seu discurso ante a “inesperada” elección.

O PP perde concellos históricos

Tampouco esperaba o PP de Cambados perder a alcaldía tras 28 anos no poder. Pero o apoio de Cambados Pode rematou converteu á candidata socialista Fátima Abal na nova alcaldesa da localidade pontevedresa. En Lalín, Rafael Cuíña, de CXG, rematou con 25 anos de goberno do popular José Crespo.

O PP deixa a alcaldía en varios concellos nos que gobernara durante décadas. En Oia, a socialista Rosa María Otero é a primeira rexedora co respaldo de Converxencia Galega, deixando por primeira vez o PP na oposición. Tamén estreará alcaldesa socialista en Sarria, desbancado aos populares, cos votos favorables de BNG e CxG.

Tamén cambiou de cor política o municipio de Tui, onde o socialista Enrique Cabaleiro conseguiu a alcaldía con só tres edís. O PSOE tamén gobernará en Ortigueira, con alcaldes sempre da dereita, e Ponteceso, onde o PP mantiña o poder os últimos 22 anos.

Tamén abandonan o poder os populares en Moaña, onde gobernará o BNG liderado por Leticia Santos, e Ponteareas, onde o nacionalista Xosé Represas será novo alcalde. A organización frontista gobernará tamén en Fene, con Juventino Trigo como rexedor grazas ao apoio dos socialistas e Somos Fene, e no municipio coruñés de Toques. O BNG mantén a alcaldía en Santiso, onde foi a lista máis votada, despois dun acordo co PSOE.

O PP perdeu finalmente o poder no Porriño en favor do PSOE, que contou co apoio dun grupo independente escindido dos populares pouco antes dos comicios. En Coristanco, o líder de Terra Galega, Amancio Lavandeira, non contou até o último minuto co apoio dos socialistas para ser alcalde. Na Pobra do Caramiñal converteuse no novo alcalde, co apoio de PSdeG-PSOE e BNG, o candidato de Nós Pobra, Xosé Lois Piñeiro. 

Porén, a falta de acordo entre as forzas de oposición permitu que o PP conservara o poder en Mugardos. Nin en Padrón, outro dos concellos sen resolver. Finalmente, o popular Antonio Fernández Angueira repetirá como rexedor. Cada grupo votou pola súa candidatura, agás o BNG que non presentou, e gobernará o PP como a lista máis votada. Mantén ademais Ramirás, localidade que goberna desde a etapa preconstitucional, pola falta de acordo entre socialistas e nacionalistas.

Comentarios