A Cámara aproba os orzamentos cos únicos votos do PP e acepta só tres das 1.400 emendas da oposición

O Parlamento da Galiza aprobou esta terza feira os orzamentos para 2023, unhas contas de 12.630 millóns de euros que entrarán en vigor o 1 de xaneiro e que após dous meses de debate só incorporan tres das 1.400 emendas da oposición. O grupo maioritario xustificouno cun "piden imposíbeis".
Pedro Pui, Ana Pontón e Luís Álvarez, no debate desta terza feira sobre os presupostos para 2023. (Fotos: Parlamento)
photo_camera Pedro Pui, Ana Pontón e Luís Álvarez, no debate desta terza feira sobre os presupostos para 2023. (Fotos: Parlamento)

Sen sorpresa. A maioría do PP na Cámara galega rexeitou as 596 emendas presentadas polo BNG e aceptou só tres das 704 presentadas polo PSdeG. Con estas tres incorporacións aos orzamentos entre as 1.400 propostas realizadas pola oposición aprobou esta terza feira o Parlamento os presupostos para 2023. Un visto e prace do pleno parlamentar que contou co único apoio do grupo maioritario, o do Partido Popular, que non dubidou en xustificar a negativa a aceptar as emendas da oposición cun "piden imposíbeis",en palabras daa deputada do PP Cristina Sanz durante o debate das emendas ao articulado.

Para o BNG e o PSdeG, porén,  a actitude do PP mereceu cualificativos como "absolutismo", "soberbia" ou "aplican o rolo". Unha mostra, segundo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, "de que o PP é incapaz de chegar a acordos".

O pleno comezou con referencia incluída á decisión adoptada horas antes polo Tribunal Constitucional suspendendo un debate no Congreso. "Un atentado  a principios básicos do estado de dereito" para Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG), un "pucherazo democrático do Tribunal Constitucional, en deriva reaccionaria" para Pontón.

Fondas diferenzas

O debate final sobre os orzamentos de 2023 volveu evidenciar profundas diferenzas na Cámara. Pedro Pui, portavoz do PP, dixo que estas eran as contas "máis debatidas da historia autonómica" e que os "discursos catastrofistas" do BNG e do PSdeG non podían ocultar que os presupostos eran os "adecuados" ás necesidades da Galiza e que saían adiante grazas a unha "maioría cohesionada".

Desde o BNG a súa portavoz, Ana Pontón, lamentou que nun contexto de crise o Goberno galego presentase uns orzamentos "sen ideas, instalados na rutina e que non son quen de usar o autogoberno para axudar a xente".

A líder da oposición recriminou ao PP que non aceptase propostas nacionalistas para recuperar a tarxeta básica ou blindar a sanidade e cualificou as contas como "insolidarias, que retratan un Goberno sen corazón". Estes orzamentos, resumiu, deberían de ser "un antídoto" para facer fronte aos "males" e ás "necesidades" da sociedade galega mais "son todo o contrario".

 Para Luís Álvarez, portavoz na Cámara do PSdeG, "sobran os argumentos" para criticar uns presupostos que non só "non atenden ao que a Galiza precisa" e "dan dávidas a aqueles que máis teñen", senón que nen sequera "aceptan emendas da oposición". "Fixemos propostas para mellorar a sanidade, a vivenda, a industria... e non aceptaron nada", criticou.

Lei de acompañamento

A Cámara tamén aprobou esta terza feira cos votos do PP a Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta, coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos, e a través da cal o Goberno contempla modificacións e cambios en 35 normas "furtando" o debate e control parlamentar.

Concentración ante o Hórreo en defensa dos salarios e dereitos no sector público

Delegados e delegadas da Área Pública da CIG —abarca federacións como a de Ensino, Saúde e Administración— concentráronse diante do Parlamento coincidindo co pleno no que se debatían os orzamentos para manifestar o seu rexeitamento a unhas contas "que non permiten recuperar o poder adquisitivo das traballadoras e traballadores do sector público, nin os seus dereitos laborais".

A concentración decorreu durante o pleno de orzamentos. (Foto: Nós Diario)
A concentración decorreu durante o pleno de orzamentos. (Foto: Nós Diario)

Reclamaron, entre outras cuestións, a recuperación do fondo de Acción Social coa asignación do 1% da masa salarial; a recuperación dos 9 días de asuntos propios ou de libre disposición e a recuperación das pagas extraordinarias completas. Deputados do BNG achegáronse até a concentración para mostrar o seu apoio ás demandas.

Comentarios