Caballero ve o PSdeG preparado "para calquera escenario electoral" no Estado e na Galiza

Gonzalo Caballero, após a súa longamente esperada estrea parlamentar, quer agora transmitir a idea de que o seu partido está en perfecto estado de revista para entrar en campaña en calquera momento."Temos toda a intensidade política activada para calquera escenario político electoral en España e en Galiza nos vindeiros meses", dixo aos medios após se reunir nun hotel compostelán coa comisión permanente da súa executiva
IMG-20190801-WA0011
photo_camera Caballero, co núcleo duro da dirección do PSdeG

Se Pedro Sánchez deixa morrer o prazo que vai até o 23 de setembro sen recibir un novo encargo de Felipe VI para a súa investidura iso non sería un problema para o PSdeG. Máis ben ao contrario. A xulgar pola arenga do seu secretario xeral desta quinta feira até se diría que a formación socialista devece por ir ás urnas, talvez encoraxado por un CIS que a voltaría a confirmar como primeira forza política galega nunhas xerais.

"Estamos a traballar con intensidade, ilusión e forza para conectar coa maioría das galegas e dos galegos para e motivar e activar o electorado progresista perante calquera escenario", dixo, unha frase que revela até que punto preocupa no PSOE a hipótese dunha certa desmobilización na esquerda social se finalmente se vai a unha repetición das eleccións.

E como pensa activar o seu electorado o PSdeG? Esta é a resposta: "Imos traballar a pé de país, cunha campaña de proximidade e cercanía á cidadanía galega".

A estratexia de Gonzalo Caballero comeza a se debuxar con clareza: o PSdeG é o referente das forzas progresistas e en frente del está un Feixoo cun proxecto esgotado que é cómplice da deriva dereitista de Casado, aínda que faga acenos oportunistas para se distanciar del.

"Coa designación de Cayetana Álvarez de Toledo como portavoz, o PP abandona o centro e a moderación e deixa ao PSOE todo o espazo do centro, a esquerda e a moderación", considerou Caballero no que ten todo o aspecto de ser un dos mantras que o PSdeG se vai ocupar de espallar socialmente durante os próximos meses.

Caballero revelou que nas últimas horas mantivo un contacto telefónico co seu xefe de filas, Pedro Sánchez, ao que trasladou "todo o apoio" do PSdeG na súa tentativa de acadar a investidura a seguir o camiño que "marcaron as urnas coa victoria electoral de abril".

Comentarios