Caballero urxe a Formoso a "deixar de escapar" e "aceptar xa" un debate nas primarias do PSdeG

Di que a militancia quere que os seus líderes "defendan a camiseta socialista" e non que "se supediten a Feijóo e ás eléctricas"

Gonzalo Caballero.
photo_camera Gonzalo Caballero.

O secretario xeral do PSdeG e candidato á reelección, Gonzalo Caballero, instou ao seu rival nas primarias, Valentín González Formoso, a que "deixe de escapar" e "acepte xa" un debate ao longo desta semana, xa que o vindeiro sábado se celebrará a votación.

Durante os seus encontros coa militancia deste domingo, que o levaron até Ordes, Negreira, O Porriño, Ponteareas e O Carballiño, Gonzalo Caballero insistiu en que "en democracia hai que debater".

Neste sentido, o secretario xeral e candidato explicou que este enfrontamento serviría para "contrastar proxectos, modelos e traxectorias" para que os afiliados poidan "votar en liberdade" o vindeiro sábado.

Caballero dixo que percibe "un apoio e unha ilusión crecente" por parte das bases do PSdeG ao redor da súa candidatura

"Ilusión crecente"

Ademais, Caballero dixo que percibe "un apoio e unha ilusión crecente" por parte das bases do PSdeG ao redor da súa candidatura: "Cada día atopo máis forza nunha militancia socialista que quere seguir avanzando co proxecto que eu represento e non retroceder cos modelos das baronías".

"Percibo que somos máis os e as militantes socialistas que queremos seguir avanzando cun PSdeG na esquerda e o galeguismo", recalcou, para subliñar posteriormente que el encabeza un proxecto "para gañar dentro, coa militancia, e gañar fóra, coa cidadanía galega".

Así, tras apelar a "construír un PSdeG forte ao servizo da Galiza", Gonzalo Caballero aseverou en que os afiliados queren que os seus líderes "defendan a camiseta socialista" e non que "se supediten a Feixoo e ás eléctricas".

Comentarios