Valentín González Formoso: "O secretario xeral do PSdeG non ten que actuar de delegado do Goberno"

Só queda unha semana para que a militancia do PSdeG escolla nas urnas quen será o seu próximo secretario xeral: Gonzalo Caballero, que aspira a recuncar no liderado; ou o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Con el conversamos sobre o seu proxecto de partido.
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, aspira nas primarias a liderar o PSdeG (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, aspira nas primarias a liderar o PSdeG (Foto: Nós Diario)

—Que o impulsou a presentar ás primarias?

En primeiro lugar, as compañeiras e compañeiros que levaban tempo compartindo comigo a visión de que o partido estaba a ser a opción política escollida de forma maioritaria polas galegas e galegos para representalos no Estado, no ámbito municipal, en practicamente todas as cidades galegas, nas institucións europeas... Mais, en cambio, nas institucións que máis nos importan, que mais condicionan a nosa vida e forma de pensar como son o Parlamento e o Goberno galegos, aí a cidadanía optou por outras formacións políticas. 

Houbo unha mensaxe clara e rotunda de desconexión co proxecto actual da dirección do PSdeG e, por tanto, as e os compañeiros que estamos comprometidos cunha ideoloxía non podemos deixar que a cidadanía galega pense que este é un partido que non é capaz de facer autocrítica. Por iso decidimos dar o paso.

—Hai unha semana, o pasado sábado, nunha entrevista neste mesmo xornal, Gonzalo Caballero acusábao de connivencia con Núñez Feixoo e situábao na á dereita do PSdeG.

Son clixés que non teñen sentido. A virtude de ter xa unha experiencia na xestión pública -porque o mundo cámbiase desde as institucións, gobernando, tendo capacidade de acción política- permite facer unha análise sobre cales son as iniciativas que facemos desde as institucións que nos toca gobernar: na Deputación da Coruña a protección social ten un orzamento que aumentamos en 138%.

Ademais, nas políticas de reactivación económica aumentaron 78% as liñas de axuda de reactivación de emprego e apoio a emprendedoras e emprendedores, e logo está toda a cantidade de iniciativas para a igualdade, protección das vítimas da violencia de xénero, cunha expansión da rede de acollida de mulleres ou coa implementación de plans de investimento da Deputación con cláusulas de discriminación positiva respecto das mulleres desempregadas de longa duración ou vítimas de violencia de xénero, ou a incorporación deste colectivo a un sector que sempre lle foi vetado, como o da construción, vital para a economía galega.

Son algunhas das moitas accións progresistas que reducen ao clixé e anécdota os comentarios que fixo o compañeiro Gonzalo, que debeu ter un mal día. 

Facer unha ofrenda floral a Castelao o 25 de Xullo non implica ser un partido galeguista. Ser galeguistas, é defender os intereses galegos onde sexa necesario. Basta con un delegado do Goberno, non fan falta dous, o secretario xeral do PSdeG non ten que actuar de delegado do Goberno

—Caballero tamén sitúa a vostede como un barón do PSdeG e o seu proxecto como unha volta a un partido de baronías. 

Os socialistas do século XXI non utilizan terminoloxías tan trasnoitadas. Dicir iso, nun partido onde os secretarios provinciais e cargos institucionais son escollidos por primarias, é minusvalorar nós mesmos o propio procedemento das primarias. 

Todos os cargos públicos socialistas están lexitimados en primarias, están escollidos de forma directa e secreta polas compañeiras e compañeiras. Por tanto, calquera que diga iso, está a atacar o procedemento de primarias. 

Porén, non me estraña,  dado que se fose pola actual dirección galega non habería primarias. De feito, nesta ocasión tivo que ser o partido a nivel federal quen freara a solicitude formal de que as primarias se realizasen o 26 de setembro co cal non habería tempo material para presentarse ás primarias, non habería outro candidato que non for Gonzalo Caballero. As primarias non se poden retorcer para deseñalas á conveniencia dun mesmo. 

—E en que se diferencia o seu proxecto do que representa Gonzalo Caballero?

A primeira é interna: o respecto ás compañeiras e compañeiros. Hai que sumar e non restar. Despois das anteriores primarias, entre Gonzalo Caballero [que gañou] e Juan Villoslada, non incorporaron ninguén do equipo de Villoslada na executiva nacional do PSdeG e, por primeira vez na historia do partido, tampouco integraron ninguén do equipo [rival] no comité nacional galego. Nunca ocorreu isto no PSdeG. Pola contra, está o modelo que nós propiciamos na executiva provincial da Coruña, onde están integradas as seis listas alternativas á que eu encabecei.

É importante comparar estas dúas fotografías para ver como nós apostamos pola integración e por respectarnos dentro para que nos poidan respectar fóra. 

—Como alcalde das Pontes vive a crise industrial galega moi de perto. Como enfrontala?

Hai unha oportunidade marabillosa se aproveitamos os fondos europeos de recuperación, que van ser millonarios. 
A Galiza ten moito que dicir para resolver cuestións importantes como o futuro de Ence. Hai que aproveitar este momento

. A Galiza  ten que ser líder en renovábeis en Europa e no mundo, nun eixo estratéxico como é o cambio de modelo enerxético. Non podemos seguir dependendo do que pense Vladimir Putin ou o rei de Arabia Saudita ou outro tipo de ditaduras convulsas que están a decidir o modelo enerxético. É un ámbito que temos que liderar nese gran acordo verde europeo en que a Galiza ten que apostar pola sostibilidade dunha maneira intelixente, aprendendo dos erros: os parques eólicos non se poden situar en calquera lugar, hai que preservar os dereitos das galegas e galegos no rural e ten que haber unha plusvalía para a sociedade galega como produtora. Ademais, o talento galego ten que ter capacidade de desenvolvemento na terra, sen ter que marchar.

Ser galeguistas é ir alén "de ofrendas florais" do 25 de Xullo

Formoso reivindica un PSdeG galeguista. Critica a dirección xa que "facer unha ofrenda floral a Castelao o 25 de Xullo" non chega.  Ser galeguistas, contrapón, é "defender os intereses" galegos "onde sexa necesario". "Basta" con un delegado do Goberno do Estado, "non fan falta dous, o secretario xeral do PSdeG non ten que actuar de delegado do Goberno", di en referencia á actuación de Caballero. "Somos leais co PSOE, co Goberno de España e as institucións, mais temos que defender os intereses dos galegos, sendo conscientes de que no Estado autonómico as especificidades galegas teñen que ter un trato distinto".

Pon como exemplo a reclamación da devolución do IVE á Galiza, que o Goberno estatal non quería pagar , ou o novo ordenamento de costas do Estado que afecta o sector produtivo galego. Na defensa desas cuestións debe estar o PSdeG, di.

Comentarios