Gonzalo Caballero é secretario xeral do PSdeG e candidato nas primarias

Gonzalo Caballero: "Garanto que o PSdeG non avance cara a unha dereitización"

En pleno ecuador da campaña das primarias socialistas, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, atende 'Nós Diario' para conversar sobre a situación da Galiza e sobre o seu proxecto de partido. A finais deste mes a militancia escollerá entre el e Valentín González Formoso para dirixir o futuro da formación.
O economista Gonzalo Caballero aspira a revalidar no liderado do Partido Socialista. (Foto: Arxina)
photo_camera O economista Gonzalo Caballero aspira a revalidar no liderado do Partido Socialista. (Foto: Arxina)

Como está a encarar a campaña das primarias? Ve a militancia animada a votar?

A min gústanme as primarias porque permiten a democratización e participación das bases do partido. No ano 98 xa coordinei as primarias de Borrell na Galiza. Milito desde hai mais de 25 anos e considero que a militancia de base debe estabelecer o futuro do PSdeG. 

Represento un proxecto dun PSdeG situado na esquerda, que ten unha alternativa á dereita de Feixoo e un modelo de partido onde as bases xoguen un protagonismo fundamental. Garanto que o PSdeG non avance cara a unha dereitización nin a posicións de connivencia co PP e con Feixoo. Está no voto secreto das bases decidir o futuro do partido. 

Preséntase como candidato das bases, mais sendo o actual dirixente, non é incongruente?

Hai catro anos as bases déronme unha maioría ampla en toda a Galiza e plantamos un proxecto que empezou a xerminar e que necesita tempo para dar froito. 

Ao longo deste tempo sempre traballei intensamente ao carón das bases e é evidente que hai certas baronías do partido que prefiren un modelo máis de cadros, máis conservador e condescendente coas políticas de Feixoo. Iso desfiguraríanos. O meu proxecto aposta por un modelo en que as bases teñen que xogar un papel decisorio e non retroceder cara a outros modelos de organización e de formulacións ideolóxicas e estratéxicas que xa coñecemos no pasado e cuxos resultados non foron positivos. 

Bota en falta o apoio de Alcaldías socialistas?

O positivo das primarias é que o voto da militancia vale o mesmo que o do secretario xeral ou de calquera alcalde e, por tanto, son os votos das e dos militantes os que contan e non hai ningunha  baronía que se poida impor ao que decidan as bases. 

Estou con forzas, ganas e ilusións. E para seguir avanzando temos que fortalecer o proxecto socialista, que asume o galeguismo, o ecoloxismo, o feminismo e que está claramente na esquerda. Eses son os sinais de identidade cos que construímos o PSdeG nos últimos anos e cos que conseguimos que avanzase en apoio electoral en todas as convocatorias que houbo desde que son secretario xeral. 

Formulou esta semana no Parlamento a necesidade de actualizar o Estatuto e Feixoo respondeulle que non é posíbel porque o BNG quere definir Galiza como nación. Sería para vostede unha traba que no próximo Estatuto se definise Galiza como nación?  

É necesario traballar na adaptación e actualización do marco estatutario para fortalecer os dereitos das e dos cidadáns galegos a través dunha carta de cidadanía, para asentar competencias do autogoberno galego e, en definitiva, para pór o marco estatutario nas mellores condicións para gobernar Galiza nas próximas décadas.

Queremos adoptar unha posición comprometida co Estatuto, defendendo a importancia que tivo ao longo destes 40 anos de autonomía, pero tamén estando abertos a buscar melloras neste modelo e actualizacións. Temos un claro compromiso cunha visión dunha España plural, federal e autonómica na que hai que explorar como poder encaixar a estrutura institucional de nacionalidades históricas na que a Galiza sempre debe estar ao mesmo nivel que outras comunidades como Catalunya e o País Vasco. 

Todo o que cabe dentro da Constitución debe abordarse e buscar puntos de encontro para mellorar a cuestión. Nós non somos nacionalistas, respectamos o nacionalismo galego e cremos que a cuestión semántica é unha cuestión a traballar cando nos sentemos a falar dunha reforma do Estatuto.

En todo caso hai distintas interpretacións, o que interpreta o Estado español como unha nación de nacións, ou a concepción de nación cultural. O propio himno galego fala de nación de Breogán.

No que non estamos é na liña de abrir ningunha vía soberanista de autodeterminación porque consideramos que iso non é o que piden as galegas e galegos e porque a soberanía reside na cidadanía do conxunto do Estado español. 

Desde a óptica federalista queremos abordar ese compromiso co autogoberno e tamén unha fórmula que permita asentar a identidade, cultura e lingua galegas.

Sobre financiamento, que valoración fai dos orzamentos do Estado para a Galiza?

Hai que primar a reactivación, e para facela necesítanse orzamentos sociais, que eviten un crecemento da desigualdade e da exclusión social. Os orzamentos do Estado teñen un claro compoñente social, priman e defenden os servizos públicos e o gasto social e priorizan colectivos fundamentais como a mocidade.

Ademais incrementan en 29% o investimento territorializado na Galiza e invisten por galego máis que o que se inviste na media de España.

Nese sentido, a combinación da prioridade social e de investimento na Galiza fai que estes sexan uns orzamentos positivos e adecuados para impulsar a reactivación e impedir a exclusión de cidadáns en situación desfavorábel.

Comentarios