martes 14.07.2020

Caballero promete ante Sánchez unha reunión sobre Alcoa na súa primeira semana se acada a Presidencia

O dirixente socialista e candidato a presidir a Xunta da Galiza pediu á cidadanía galega actuar nas urnas como "muro de contención" fronte a ultradereita.
Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez nun mitin do primeiro en Ourense ante as eleccións do 12 de xullo de 2020 (Imaxe: Rosa Veiga/Europa Press)
Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez nun mitin do primeiro en Ourense ante as eleccións do 12 de xullo de 2020 (Imaxe: Rosa Veiga/Europa Press)

“Un muro de contención” contra a ultradereita nas eleccións galegas do vindeiro 12 de xullo. Foi a petición do candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, nun acto ofrecido hoxe en Ourense no que contou co apoio do actual presidente do Goberno estatal e líder do PSOE, Pedro Sánchez.

O dirixente dos socialistas galegos chamou a atención sobre a posibilidade de que Vox entre na Cámara galega nunha xornada na que dirixentes desta formación, como Javier Ortega Smith ou Iván Espinosa de los Monteros, manteñen mitins na Galiza.

Fronte a unhas 850 persoas, o secretario xeral do PSdeG reivindicou o voto a súa formación como a papeleta “útil” nas urnas, convencido de que “na Galiza só pode haber cambio cando o Partido Socialista o lidera”. Caballero deixou claro que quen “estivo recortando” na sanidade e “privatizando” durante os últimos once anos non pode xestionar hoxe a saída da crise social e económica derivada da pandemia.

“Estamos comezando esta campaña ben e imos rematala mellor. Sempre gañamos ás enquisas e, na política, cando os socialistas nolo propoñemos, conseguímolo”, manifestou Caballero, apelando á mobilización dos galegos e galegas o vindeiro 12 de xullo.

O candidato dos e das socialistas á Presidencia proclamou ante o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, que se alcanza o seu obxectivo “pedirá na primeira semana” como mandatario unha “reunión” co Executivo español para “falar da política industrial da Galiza”, sinalando en concreo a necesidade de achegar unha solución ao persoal de Alcoa na Mariña.

Pola súa banda, Sánchez comprometeuse a impulsar un plan de reindustrialización en todo o Estado, que pasaría por unha “relocalización” das empresas. “Un Goberno socialista na Xunta será a mellor garantía de dar solucións a este país, porque sabemos que Feixoo protesta, pero obstaculiza”, acrecentou Gonzalo Caballero.

O líder do Executivo estatal lanzou un “rogo” á cidadanía ante os últimos rebrotes de coronavirus rexistrados. “Non baixemos a garda”, apelou na súa primeira intervención da denominada nova normalidade. “Podemos ser muro o ser transmisor, sexamos muro!”, apelou.