mércores 08/12/21
CARLOS ARES, UN DOS PROMOTORES DO BANQUETE DE CONXO

"No Banquete hai inscritas 220 persoas, mais agardamos unha asistencia maior"

O guionista Carlos Ares forma parte da comisión promotora do Banquete de Conxo 2.0, que terá lugar este domingo para tratar de lograr unha candidatura unitaria galega de cara ás eleccións estatais do outono. Conversamos con el para que nos explique en que consiste esta xuntanza.

carlos ares
carlos ares

Como xorde a idea de convocar o banquete de Conxo?

Xorde da comisión impulsora da manifestación unitaria do 25 de xullo, que resultou todo un éxito. Participaron persoas que había anos que non acudían á mobilización e mesmo persoas que nunca asistiran. Había persoas de todo o abano do nacionalismo e persoas independentes. Despois deste éxito, a comisión promotora seguiu falando e acordamos dar un paso máis de cara a lograr unha candidatura de unidade galega para as eleccións xerais.

Por que un Banquete de Conxo 2.0?

O nome púxollo Manolo Rivas como homenaxe ao Banquete de Conxo, cuxo nome oficial foi Banquete Democrático de Conxo, que tivo lugar en 1856. Non é que pretendamos repetir este xantar, un acto histórico e bonito, mais queremos xuntarnos e vernos porque consideramos que é bo, necesario, doado e moi útil.

As persoas que participen, pertenzan ou non a organizacións políticas, sindicais, sociais… van facelo a título individual

Canta xente participará?

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Hai anotadas ao redor de 220 persoas, mais prevemos que a asistencia sexa maior, pois hai xente que malia non se anotar vai participar igual. Cremos que vai ser un éxito de convocatoria e isto significa que a xente quere participar neste tipo de actos. Quero apuntar que as persoas que participen, pertenzan ou non a organizacións políticas, sindicais, sociais… van facelo a título individual.

Como se vai desenvolver a xornada?

Imos comezar cun acto de presentación e despois dividirémonos en tres comisións: organización, contidos e expansión. A partir de aquí, e organizados e organizadas en comisións, traballaremos. Contra o final da xornada poremos en común o traballo das comisións e elaboraremos un comunicado oficial.

Que esperan do banquete?

Contribuír desde a nosa parte a que exista esa candidatura unitaria para as eleccións xerais, unha candidatura que todos collemos, mesmo as forzas estatais, porque hai máis que nos une que o que nos separa. Somos moitos os que cremos que non nos poden roubar a ilusión e a esperanza.

Tanto as persoas impulsoras do encontro de hoxe como as persoas impulsoras do Banquete de Conxo somos partes da mesma mesa​

Que diferenza o Banquete de Conxo 2.0 e o Encontro cidadá por unha marea galega que está a ter lugar hoxe?

Semella que estamos uns contra os outros, ou que uns son mellores que os outros… mais non hai nada diso. Somos pingas que fan un vaso de auga, unha bañeira e un grande encoro no que podemos estar todos. Folerpa a folerpa crearemos un gran manto de neve. Tanto as persoas impulsoras do encontro de hoxe como as persoas impulsoras do Banquete de Conxo somos partes da mesma mesa. De feito, no Encontro cidadá por unha marea galega está participando hoxe Suso Díaz como representante da comisión promotora do 25 de xullo e do Banquete de Conxo 2.0. Aínda que nos diferencian matices, todos queremos o mesmo e penso que nos imos poñer de acordo. Pinga a pinga, faremos unha gran marea.

Haberá candidatura unitaria galega?

Espero que si, porque hai moita ilusión e ganas. Creo que é necesario sumar e estarmos todos xuntos para derrotar os que nos queren roubar a ilusión. Son tempos terríbeis que requiren de medidas esperanzadoras e de ilusión, e é algo que a xente reclama.

"No Banquete hai inscritas 220 persoas, mais agardamos unha asistencia maior"
comentarios