Cara ao 15 de xuño

Bugallo gobernará en solitario sen descartar un futuro pacto

O candidato máis votado nas municipais en Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo un primeiro encontro co alcalde en funcións, Martiño Noriega, para iniciar o proceso de traspaso de poderes. Bugallo pretende chegar a acordos puntuais con Compostela Aberta, mais desbotou pactar polo de agora asegurando que “a cidadanía non entendería a formación dun goberno de coalición” entre ambas forzas.

Xosé Sánchez Bugallo
photo_camera Xosé Sánchez Bugallo

As urnas do pasado domingo 26 de maio deron ao ex alcalde compostelán Xosé Sánchez Bugallo unha nova vitoria na capital galega, sendo o candidato máis votado. Así as contas e, a pesar de non alcanzar a maioría absoluta, non precisa pactar coas outras forzas políticas do novo consistorio, xa que obtivo 10 edís fronte os 9 do PP, 5 de CA e 2 do BNG.

De feito, esta quinta feira Bugallo xa desbotou chegar a un acordo de goberno con Compostela Aberta, aludindo que a cidadanía non o entendería. Porén, si amosou disposición a que se produzan acordos puntuais. Así o recalcou aos medios Bugallo á saída da primeira reunión de toma de contacto entre o seu quipo e o do goberno en funcións de Martiño Noriega. A xuntanza tiiña como obxectivo iniciar o traspaso de poderes.

Xosé Bugallo apostou ante os medios por un goberno "en solitario"

Xosé Bugallo apostou desta maneira ante os medios por un goberno "en solitario", aínda que sen pecharse en ningún momento á posibilidade de incorporar outras formacións no futuro, e matizou que tal opción iría sempre vinculada a “un proxecto común” e indicou que esa opción poderíase dar tanto “dentro dun ano, como de ano e medio ou duns meses", explicou.

Bugallo non ve factíbel incorporar a Compostela Aberta no goberno após unha campaña electoral cunha confrontación grande de proxectos

Polo de agora, asegurou que non ve factíbel incorporar a Compostela Aberta no goberno en base a que “non sería formulábel un goberno de coalición PSdeG-CA xa que vimos dunha campaña electoral cunha confrontación grande de proxectos, na que se puxo en evidencia pola nosa banda unha crítica que foi dura desde o punto de vista político”. Por iso, Bugallo incidiu en que a cidadanía “non entendería que agora dixésemos que somos todos amigos e compartísemos goberno”. Por iso, que cualificou de “solución falsa” se agora quixesen repartir cargos, ao haberen dúas partes “remando” en distintas direccións, e instou a ir dando pasos para poder definir un proxecto común co que, nun futuro, estabelecer algún pacto de goberno.

A prioridade de Bugallo: Plan Estratéxico de Turismo

En canto ás relacións con Compostela Aberta, Bugallo cualificounas de cordiais e de absoluta normalidade democrática, e resaltou que así debe ser coas demais forzas porque o verdadeiramente importante é o "proxecto de cidade" que se articule a partir de agora, no que confía que "participen todos os grupos políticos" e que "teña protagonismo a sociedade civil". "Temos que definir un gran proxecto no que todos sintamos identificados e que poida ter continuidade", destacou. Nese sentido, marcou como prioridade para este ano “de o orzamento permitilo” o lanzamento dun novo Plan Estratéxico de Turismo, revisando o modelo turístico da cidade.

Noriega reivindica o espazo de Compostela Aberta fronte “un regreso do PSdeG a 2005”

Noriega criticou que o camiño do PSdeG “vai por negar a existencia dos espazos de unidade popular nos concellos e en viaxar na máquina do tempo a 2005 e volver vivir a melancolía do bipartito", e engadiu que "ese é o prato que nos van a poñer estes meses".

Martiño Noriega reivindicou o "espazo" de Compostela  Aberta, "independentemente do rol de cada un", como "clave" para a gobernabilidade

Sobre o futuro da gobernabilidade da cidade, o alcalde en funcións lembrou que a de Bugallo foi "a lista máis votada" e que o PSdeG "xa dixo que non ía facer unha serie de contactos específicos" para analizar acordos, porque "non necesita os votos favorábeis de ningunha das outras forzas".

Martiño Noriega reivindicou o "espazo" de Compostela  Aberta, "independentemente do rol de cada un", como "clave" para a gobernabilidade "desde o punto de vista aritmético". "Falo de cuestións que aprendín na escola coas matemáticas e co feito que se expresou nas eleccións de maio, cun voto en clave progresista que representa a 17 concelleiros de 25", dixo Noriega.

Comentarios