Breogán Rioboo gaña con claridade e liderará Podemos en Galiza

A lista que contaba co apoio da dirección de Madrid encabezará a formación en Galiza logo dunhas eleccións internas nas que destacou a escasa participación, de arredor do 20 por cento. Rioboo asinou hai uns días un manifesto xunto a outros membros de Podemos a favor do "federalismo plurinacional" e a autodeterminación. 

rioboo-crop
photo_camera Rioboo, no centro.

Con 1.810 votos polos 1.048 de Ana Sánchez, a súa principal rival, Breogán Rioboo vén de converterse no primeiro líder galego de Podemos, tras gañar a elección interna ao Consello Cidadán, cuxo resultado se completou cos 370 votos de Susana Fernández e os 120 de Xaime Castaño. 

O proceso durou toda a semana e destacou pola baixa participación, xa que apenas o 20 por cento dos chamados a participar (case 19.000 persoas) emitiu o seu voto telemático. A vitoria foi clara da candidatura que tiña o apoio de Pablo Iglesias e da cúpula da formación en Madrid, baixo a marca Claro que Podemos. Rioboo asinou hai uns días un manifesto xunto a outros membros de Podemos do Estado no que defendía o federalismo plurinacional e o dereito de autodeterminación. 

Noutros territorios @s partidarios de Iglesias non puideron gañas as primarias. Ocorreu na Rioxa e en Aragón, onde foi o eurodeputado Pablo Echenique (contrario á dirección) quen se fixo coa maioría dos votos namentres que en Madrid a vitoria de Luis Alegre foi moi axustada ante a lista que presentaba Izquierda Anticapitalista, agora convertida en corrente e non partido para non incumprir as normas de Podemos. Así mesmo, en Navarra tamén gañou a opción que non contaba co apoio oficialista e que ademais está disposta a pactar con Bildu tras as eleccións. 

Comentarios