O BNG de Vigo critica a presenza de representantes públicos nos actos relixiosos

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, afirma que “ver cargos públicos nunha procesión é máis propio do medievo que do século XXI”.

Acto relixioso este domingo en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Acto relixioso este domingo en Vigo (Foto: Nós Diario).

O BNG de Vigo volveu este domingo criticar a presenza de representantes públicos nos actos relixiosos e rexeita tamén o financiamento público de procesións. Por este motivo non houbo representación institucional desta formación nacionalista nos actos polo Cristo da Vitoria na cidade olívica.

“A presenza de autoridades públicas ou de representantes institucionais en actos de carácter relixioso constitúe un anacronismo doutros tempos”, defende o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, “é máis propio do medievo que do século XXI” asegura.

Para o responsábel local do BNG vigués apunta que estar neses actos é “incompatíbel co actual marco de liberdades”.

Igrexas insistiu en que nunha democracia "plena" é imprescindíbel unha separación "estrita" entre as institucións públicas e as "lexítimas" confesións e credos relixiosos. O edil nacionalista xa se pronunciou publicamente en contra do acto polo pregón do Concello de Vigo, realizado o sábado no pombal de Castrelos.

“Hai quen no seu afán imperial por reducir Vigo a unha caste de cidade-Estado medieval, amurallada e enfrontada con todos por todo, teima con entusiasmo en manter actos anacrónicos como facer un pregón institucional dunha celebración relixiosa. Son pasado», afirmou nunha mensaxe publicada nas redes sociais.

O portavoz municipal nacionalista considerou “inxustificado” que se continúen a destinar “ducias de milleiros de euros de diñeiro público para financiar actos relixiosos” por parte do actual Goberno municipal. 

Neste sentido volveu reivindicar Vigo é unha cidade "orgullosamente diversa" na que conviven persoas con diferentes crenzas ou que non profesan ningunha, polo que reiterou a necesidade de separar o papel das institucións públicas das distintas confesións relixiosas.

Comentarios