O BNG de Vigo acode á Valedora ante a "opacidade" de Caballero sobre o patrocinio de Guns N' Roses

"Seguimos á espera de que o alcalde dea a cara e responda as acusacións que, por parte da propia promotora do concerto, fixéronse publicamente, sinalando de maneira clara e rotunda que existía un preacordo para o patrocinio", lamenta Xabier Pérez Igrexas.
Centos de fans de Guns N'Roses ás portas de Balaídos, a pasada segunda feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Centos de fans de Guns N'Roses ás portas de Balaídos, antes do concerto. (Foto: Europa Press)

O BNG de Vigo anunciou esta segunda feira que pedirá o amparo da Valedora do Pobo ante a "opacidade" do Goberno municipal de Abel Caballero con respecto á polémica xerada a raíz do patrocinio do concerto de Guns N' Roses, celebrado no estadio de Balaídos o pasado 12 de xuño ante milleiros de espectadores.

Segundo trasladou a formación nacionalista, esta mesma segunda feira solicitou o acceso íntegro "a un total de 41 expedientes municipais relacionados coa actuación e o frustrado patrocinio, despois de transcorrido un mes de que se demandou sen éxito que se facilitase toda a documentación e aclarase se existía un acordo previo coa promotora".

"Seguimos á espera de que o alcalde dea a cara e responda as acusacións que, por parte da propia promotora do concerto, fixéronse publicamente, sinalando de maneira clara e rotunda que existía un preacordo para o patrocinio", subliñou o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas.

O edil denunciou a "falta de transparencia" do Goberno local a este respecto e advertiu que, de existir ese acordo previo, suporía unha "situación absolutamente irregular que implicaría graves responsabilidades" e que demostraría que o concurso público foi "unha pantomima".

O Goberno local, asegurou, só lles permitiu polo momento acceder a un único expediente, polo que reiterou a súa demanda de información para "coñecer a verdade até o final" e promover "que se depuren responsabilidades".

Denuncia da promotora

As promotoras musicais Live Nation España e Sweet Nocturna, responsábeis de achegar a mítica banda de rock Guns N'Roses ao estadio vigués de Balaídos, confirmaron o pasado xuño que levarán o Concello aos xulgados por mor da anulación do patrocinio público de 1,9 millóns de euros, perante a licitación dun contrato que quedou deserta por "non cumprir os requisitos" a única empresa que se postulara, Sweet Nocturna.

Comentarios