"O BNG ten a oportunidade de liderar a oposición"

Ten 27 anos e é a viceportavoz primeira do grupo parlamentar do BNG. Nunha entrevista no Sermos218 debrúzase sobre o novo cadro político que se abre na Galiza após o 25S, o proceso Adiante do BNG, e o rol da mocidade e do feminismo no proxecto nacionalista. Eis un extracto da conversa.

 

Olalla Rodil. 20 de outubro de 2016.
photo_camera Olalla Rodil

-Ante a fragmentación da oposición, como ten que axir o nacionalismo para marcar perfil?

-O Bloque ten a oportunidade de liderar a oposición dada a situación na que se atopan outras forzas a día de hoxe. Temos que ser capaces de defender unha oposición construtiva, na que sinalemos os erros nos que caia o goberno, os prexuízos económicos, os prexuízos políticos e sociais que decorran da xestión do PP, como xa viñemos facendo nas últimas lexislaturas, pero poñendo o foco nun discurso positivo e, sobre todo, nas alternativas que defende o BNG, en seguir transmitindo o proxecto político que defende o Bloque.

Entrevista Olalla Rodil Sermos 218 20 de outubro de 2016-O 25S o 50 por cento do eleitorado votou contra a mudanza, ben porque votaron PP ben porque apoiaron Cs. A que o atribúes?

-Para entendermos os resultados que recolle o PP na Galiza hai que ter en conta que  estamos a falar dun partido que ten 100.000 militantes neste país e ten toda unha rede despregada, non apenas no rural, como se lle atribúe habitualmente, senón tamén nas cidades. Mais se ollamos os resultados e nos fixamos, esa maioría parlamentar non se corresponde coa maioría social. Hai moitas persoas que apostaron noutros proxectos políticos, entre eles o BNG, pero tamén houbo moitas persoas que ficaron na casa. Eu creo que un dos desafíos que temos estes catro anos é dirixirnos precisamente a esas persoas que non viron unha opción política este 25S e darlles a confianza de que o que necesitan para que muden as cousas neste país é o proxecto político que representa o BNG.

A íntegra da entrevista, unha dupla páxina, tela ao teu dispor no número 218 do Sermos, disponíbel nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.

Comentarios