BNG senta as bases dos programas municipais co “aval” dos concellos nacionalistas

Renovado, unido e disposto a liderar o cambio que se reclama na rúa. Así presentou o BNG Ana Pontón, portavoz nacional da formación frontista, que na mañá do sábado aprobou as bases dos programas municipais de cara ás eleccións de 2019.

[Imaxe: BNG] Ana Pontón
photo_camera [Imaxe: BNG] Ana Pontón

O Consello Nacional do BNG aprobou na mañá do sábado as bases dos programas cos que se presentará ás eleccións municipais de 2019, ás que a formación nacionalista, en palabras de Ana Pontón, chega renovada, unida e disposta a liderar o cambio que se reclama na rúa. A base dos programas concretarase nos próximos meses no programa marco e nos programas para cada concello.

A dirixente nacionalista salientou que o Bloque se atopa “á alza”, cun “proxecto claro e capaz de darlle unha alternativa aos milleiros de galegas e galegos que saen á rúa contra as políticas do PP. Precisamente, instou a todas esas persoas a “traballarmos xuntas” para encetar, desde o eido municipal, “o cambio que Galiza necesita e que o Bloque está disposto a liderar”.

Concellos “marca de calidade”

Ana Pontón aproveitou a súa comparecencia pública para resaltar a "solvencia" do BNG nos concellos en que goberna, “moi poucos poden dicir o mesmo”. Así, salientou que o Bloque conta coa “fortaleza” que representa o “aval dos gobernos municipais”, convertidos en “sinónimo marca de calidade”. “Os nosos gobernos municipais marcan a diferenza e deixan clara a importancia de ter un proxecto propio para Galiza, e non un corta e pega deseñado e pensado desde Madrid”.

Concellos, agregou, “con alternativas propias, centrados na realidade do país, que non malgasten os recursos públicos en obras megalómanas, onde a igualdade de xénero sexa transversal, concellos con servizos públicos, con calidade urbana, concellos que defendan os principios democráticos máis avanzados”.

Ana Pontón: "Animo a militancia a actuar con apertura ante as persoas que compartan a necesidade de defender Galiza e construír alternativas desde os concellos"

A portavoz do BNG animou a militancia a “dar o mellor” coa ollada posta en 2019 e a “actuar con apertura ante as persoas que compartan a necesidade de defender Galiza e construír alternativas desde os concellos”. Neste sentido, Pontón afirmou que o actual “é un ano clave para enfrontar con éxito o reto das vindeiras eleccións municipais”. “Traballemos con humildade, con autoesixencia, con espírito crítico e cun sorriso nos beizos”, concluíu.

Pensións

Ana Pontón dedicou parte da súa intervención á loita protagonizada polas persoas pensionistas na Galiza. Dirixiuse a Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, para que se sume ás propostas para incrementar as prestacións. "Pídolle a Feijóo que non lle falte ao respecto ás mulleres e homes pensionistas, que deixe de escorrer o vulto dividindo e enfrontando, porque o que ten que explicarlles é por que o PP tivo 65 millóns de euros para resgatar a banca e non ten nin un euro para subir as pensións das galegas e dos galegos, que por certo son as segundas máis baixas do Estado”, indicou.

A dirixente do Bloque adiantou que defenderá vindeiro pleno do Parlamento galego unha proposta para subir as pensións máis baixas en 100 euros ao mes; algo “perfectamente viábel, porque supón 40 millóns de euros dun orzamento de 9.000”.

Comentarios