O BNG reprocha á Xunta que vaia facer recortes no profesorado en plena pandemia

O deputado Manuel Lorenzo acudirá ao Parlamento coa exixencia de que se manteñan as e os docentes extra contratados por mor da crise do coronavirus porque hai incertezas sobre o próximo curso e tamén prevé que sexa necesario o reforzo nos próximos anos.

Crianzas ás portas dun colexio. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Crianzas ás portas dun colexio no que se rexistrou un foco a principios de ano. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que a Xunta prepara “recortes de profesorado para o próximo curso”. Ademais de asegurar que a redución de docentes vai implicar “ratios intolerábeis” nas aulas, considera que non é a estratexia a seguir en plena pandemia.

O deputado Manuel Lourenzo rexistrou no Parlamento unha batería de ideas para que non se produzan esas afeccións, especialmente aos centros educativos máis en precario.

Lourenzo reclamará, polo tanto, que o Goberno galego “manteña o número de docentes necesario para consolidar cando menos os desdobres deste curso” derivados da crise sanitaria, pois recalca que aínda non se pode saber como vai ser a súa evolución.

“Estannos a chegar denuncias de centros desde Valdeorras até O Barbanza, desde A Coruña ao Baixo Miño, de recortes drásticos nos cadros de persoal trasladados pola consellaría”, destaca o representante nacionalista, que insiste en que de seguir adiante con estas políticas a Xunta vai deixar “ratios absolutamente intolerábeis para o curso 21/22, ao implicar que desdobres que se viñan realizando ao longo deste curso non se poidan realizar no vindeiro”.

Ante o que cualifica dun “novo ataque ao ensino público, xusto no momento no que máis apoio precisa”, opina que ademais de manter as contratacións actuais é preciso reforzar os cadros de persoal do ensino público co obxectivo de reducir as ratios máximas por aula e a recuperar o horario lectivo do profesorado.

Para xustificar a súa petición remarca o feito de que, probabelmente, a pandemia implique a necesidade de contar cun reforzo ao alumnado cando todo pase.

“Dende o BNG entendemos que isto denota un cinismo estremo por parte da Consellería de Educación”, critica Lourenzo, que afea: “Os mesmos que din agradecer á comunidade educativa o esforzo realizado durante a pandemia executan este agradecemento a través dun novo recorte de profesorado”.

Comentarios