Italia tamén quere entrar na explotación da eólica mariña na Galiza

Plenitude, empresa propiedade da corporación italiana Eni (Ente Nazionale Idrocarburi) para comercializar no Estado español e Portugal, súmase ás dúas multinacionais que promoven un parque eólico fronte ás costas de Ortegal.

Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)
photo_camera Aeroxeradores dun parque eólico flotante. (Foto: Europa Press)

O parque eólico Nordés construirase a 30 km de Ferrol e 15 km de Cedeira, Pantín e cabo Ortegal. O proxecto contempla a instalación de até 80 turbinas flotantes e preveuse inicialmente a súa execución en dúas fases. A primeira, con 35 turbinas; a segunda, con 45 máis.

A electricidade que se xere neste parque, que contempla unha superficie máxima de 268 quilómetros cadrados, sería vertida á rede mediante un cabo submarino que conecta esas instalacións no mar con Sabón, en Arteixo. As empresas impulsoras deste parque da eólica mariña flotante, BlueFloat e Sener, confiaban o ano pasado en que este entrase en vigor en 2030.

As dúas impulsoras teñen agora un novo socio para ese proxecto en augas galegas: Plenitude Ibérica, que xestiona 430 megawatts (MW) de enerxía solar fotovoltaica e eólica terrestre en operación, 1 xigawatt (XW) de proxectos en construción e máis de 2 XW de proxectos en desenvolvemento.

Plenitude é a empresa de Eni que comercializa luz e gas xunto á produción de enerxía renovábel no Estado español e Portugal. E Eni é a Eni, S.p.A. (Ente Nazionale Idrocarburi; Corporación Nacional de Hidrocarburos, en galego) unha empresa multinacional enerxética italiana. Foi creada polo Goberno de Italia en 1953 como empresa pública, propiedade do Estado italiano, e foi logo convertida en sociedade anónima en 1992.

Posteriormente o Estado italiano foi vendendo parte importante do capital accionario, mais apostando en conservar unha participación superior a 30% e mantendo así mesmo o control efectivo da empresa, reservándose o dereito de nomear ao presidente e ao administrador delegado. Na actualidade, o Tesouro italiano posúe unha participación de 4,7% en Eni, mentres que o prestamista estatal Cassa Depositi e Prestiti controla 27,7%.

Protestas

Nos últimos meses houbo varias protestas en Ferrol e comarca contra a eólica mariña e onde o parque Nordés foi un dos sinalados. “O Nordés impactaría no Corredor Atlántico de migración de aves, un dos máis importantes do mundo, podendo afectar máis dun millón de aves”, sinalan. Ademais, os tensores e as ancoraxes das plataformas da eólica mariña impiden o tránsito de barcos e artes de pesca”, advertían desde o colectivo Vento Mareiro, convocante das mobilizacións.

O sector pesqueiro galego, xunto co asturiano e o cántabro, mostraban ao coñecer o proxecto, en 2022, o seu rexeitamento "unánime á instalación do parque eólico mariño Nordés, un proxecto que consideraban "inviábel, xa que afecta directa ou indirectamente 30 caladeiros de pesca, a moitas especies esenciais para a frota que traballa nesta zona".

Comentarios